POR EUROPA EN COCHE 2011 1ª PARTE: DAS RÍAS GALEGAS ÓS FIORDOS NORUEGOS

Diario da miña viaxe por Europa en coche, este ano con este percorrido:

Percorrido da viaxe
Percorrido da viaxe

Aproveitando as vacacións do verán, estes últimos anos acostumo a facer viaxes de varias xornadas por Europa no meu coche. As dúas últimas viaxes ( ó Cabo Norte e á Escocia e Irlanda) compartinas con vos neste blog en forma de diarios de viaxe. A deste ano non podía ser menos, polo que me decidín a publicar tamén o seu correspondente diario de viaxe, coma sempre acompañado de anécdotas, fotos e datos que vos poden servir de utilidade.

Meu coche, xunto ó Fiordo dos Soños. Noruega
Meu coche, xunto ó Fiordo dos Soños. Noruega

A IDEA DA VIAXE

Gústame viaxar con libertade e pouco a pouco, disfrutando do camiño desde o primeiro día, por iso sempre que podo fago a viaxe no meu coche. Tamén me gusta que a viaxe me sorprenda, polo que cada vez me informo menos sobre “qué lugares visitar” e deixome guiar máis polo meu instinto; eso fará que durante a viaxe vexa menos cousas, pero que disfrute mais da mesma. Ademais, teño a sorte de que a miña compañeira de viaxe comparta por completo esta forma tan particular de facer turismo.

Lago de Bled, Eslovenia
Lago de Bled, Eslovenia

Por todo isto, neste percorrido por Europa deste ano marcámonos as seguintes especies de normas:

1º: Disfrutar da viaxe dende o primeiro día ata o último, sen perder días enteiros en desprazamentos.

2º: Non levar ningún aloxamento reservado, xa que segundo a nosa experiencia, resta de liberdade ó viaxeiro

3º: Non levar un percorrido fixo, polo que en calquera momento podíamos cambiar de ruta. De feito, durante a viaxe non sabiamos o percorrido que iamos facer, simplemente tíñamos en mente ir ó sur de Noruega e a Polonia, polo que fumos decidindo as etapas día a día. Esto fixo que no medio da ruta acordamos visitar Austria e Eslovenia en vez de Polonia, ou pasar 6 días nunha casa nos Alpes franceses, por exemplo.

4º: Salvo casos excepcionais, apenas facerlle caso as guías de viaxe. Antes nós sempre levabamos varias guías dos paises que visitabamos e dímonos conta que seguíndoas, acababas sendo un exclavo delas, polo que restan liberdade e sempre acabas rodeado de turistas. Agora, fiámonos máis do que vemos en foros, o que nos recomendan as xentes que atopamos polo camiño e, sobre todo, do instinto.

Estrada en Suiza
Estrada en Suiza

AS ETAPAS

Este percorrido por Europa levounos un total de 33 días, polo que para facer máis ameno o diario da viaxe dividireino nas seguintes 3 partes:

1ª parte: Das Rías Galegas ós Fiordos Noruegos

2ª parte: Dende Noruega á Eslovenia

3ª parte: Dende Eslovenia á Lugo

2 DE AGOSTO: COMEZA A VIAXE

Lugo – Xixón

Facía uns meses, inaugurábase a liña de ferry entre Xixón e Saint Nazaire, na Bretaña francesa. Foi unha estupenda nova para nós, xa que permite un aforro de tempo considerable (e na maioria dos casos tamén cartos) para os que viaxamos polo centro e norte de Europa no noso vehículo. Non dubidamos polo tanto en utilizalo, coa intención de estar xa ó día seguinte no Norte de Francia. A saída do ferry é as 9 da noite, polo que ainda nos da tempo á comer na casa e ata tomar unha caña en Xixón antes de embarcar.

Saindo de Xixón no ferry Xixón - St Nazaire
Saindo de Xixón no ferry Xixón – St Nazaire

Xa temos utilizado este ferry noutra ocasión, así que xa coñeciamos como era o camarote, o bar, o restaurante, a tenda, … Desta vez tivemos que pagar bastante máis polo billete ó ser temporada alta, concretamente 415,65 euros (da outra vez pagamos 339 euros catro personas). Supoño que tamén influiu que ó facer a reserva do billete á última hora non tivemos ningún tipo de descontos, aparte de ter que coller un camarote para 4 ó non quedar xa para 2. De todos os xeitos, compénsanos facer o traxecto en ferry en vez de por estrada, xa que na outra opción teriamos que pagar gasoil, peaxes, comidas e durmir polo menos unha noite polo camiño e, o mais importante, perder máis dun día de viaxe en zonas ben coñecidas por nós.

Gastos pagados no día: Ferry: 415,69 euros; cañas: 3,40 euros

Km percorridos no día: 238,6

3 DE AGOSTO: AS PRAIAS DO DESEMBARCO

Saint Nazaire (F) – Saint Laurent sur mer(F)

Chegamos á Saint Nazaire, preto de Nantes, ás 12 do mediodía, polo que decidimos continuar viaxe hacia as praias do desembarco na Normandía, zona que visitamos fugazmente fai 2 anos cando viaxamos ó Cabo Norte.

Despois de facer unha parada na pequena localidade de Chateauxgiron, preto de Rennes, chegamos ás praias do desembarco sobre as 5 da tarde, o momento xusto para buscar unha chambre de hotes para durmir.

Tivemos moita sorte, xa que non tardamos en atopar unha: a Ferme les Vignets; unha bonita casa de campo onde a habitación doble con almorzo e cena para dúas persoas costaba só 69.50 euros en total. Ademais, o trato dos propietarios foi excepcional.

Batería de cañóns en Longues-sur-mer, Normandía
Batería de cañóns en Longues-sur-mer, Normandía

Rematamos o día visitando as baterías de cañóns de Longues-sur-mer, que se conservan en moi bo estado, e dando un paseo pola praia de Omaha Beach, que xa coñeciamos de fai un par de anos.

Gastos pagados no día: Supermercado: 2.45 euros; habitación e cea: 69.50 euros, cañas: 11euros

Km percorridos no día: 372.5

4 DE AGOSTO: GANTE

Saint Laurent sur mer (F) – Gante (B)

Como o día empezou moi chuvioso, decidimos continuar viaxe hacia o norte, desta vez pasando por preto de Lille en lugar de ir pola costa como fixemos fai dous anos. Á beira da D929 pouco despois de Amiens, podemos ver varios memoriais e cemiterios, ainda que neste caso da primeira guerra mundial. Xa a medio camiño, decidimos facer noite en Gante, xa que temos oído boas referencias desta cidade belga.

Gante
Gante

A cidade gustounos nada máis chegar, e despois de buscar o hotel e deixar o coche nun aparcamento, xa nos dedicamos a pasear pola cidade. Ainda que non se pode negar a beleza de Gante, que desluciu a intensa choiva que caeu durante toda a xornada, non se pode evitar comparala coa súa veciña Bruxas, que visitamos dous anos antes. Bruxas ten canais máis fermosos, unha impresionante praza principal e máis beleza arquitectónica nos seus edificios, pero non por iso Gante deixa de ser tamén unha cidade moi fermosa.

Gante
Gante

Á hora da cea decidimos alonxarnos do centro en busca dalgún restaurante con precios non demasiado altos. Non atopamos ningún barato, polo que ó final decidimos cear nun que polo menos parecía que se comía ben. E non nos equivocamos. A Brasserie le Comptoir foi un lugar cun servicio excelente, xa que como se retrasaron en servirnos, invitáronnos á unha ración de xamón mentres esperábamos e, ademais, convidáronnos a varias consumicións. A verdade é que nunca nos trataron tan ben en ningún restaurante.

Gastos pagados no día: Supermercado: 2.23 euros; hotel de Gante:74 euros, gasóleo: 66.04 euros; peaxes: 22.7 euros; cea: 43.5 euros

Km percorridos no día: 507.1

5 DE AGOSTO: A COSTA HOLANDESA

Gante (B) – Bergen (NL)

Saímos cedo de Gante sen apenas tráfico, en dirección á Holanda pola costa, cruzando o túnel baixo o mar Westerscheldetunnel, de peaxe.

Costa holandesa
Costa holandesa

A costa holandesa é unha sucesión de enormes praias, diques, parques eólicos e cidades industriais como Rotterdam ou La Haya. Ó comezar a tarde decidimos parar a descansar e buscar un sitio para durmir nalgún lugar preto desas enormes praias, a ser posible algo tranquilo, e o atopamos nun pobo chamado Bergen.

Bosque e canal en Bergen. Holanda
Bosque e canal en Bergen. Holanda

Bergen (non confundir coa cidade noruega), é unha localidade bastante tranquila e á vez animada. Está a uns 5 quilómetros da praia (Bergen aan Zee), e rodeado dun fermoso bosque cheo de canais e rutas en bici e a pé. O hotel que atopamos non é barato (hotel Duinpost, 80 euros) pero é suficiente para descansar nun bonito lugar onde pasar a tarde.

Gastos pagados no día: Aparcamento en Gante: 10 euros; supermercado: 13.15 euros; peaxe Westerscheldetunnel: 4.9 euros, cea Bergen: 23.8 euros; cañas: 8.7euros

Km percorridos no día: 312.1

6 DE AGOSTO: WORPSWEDE: O POBO DOS ARTISTAS

Bergen (NL) – Worpswede (D)

Continuamos en dirección ó norte, pasando pola autoestrada e á vez dique Afsluitdijk, que xa cruzaramos noutra viaxe no 2008.

Autoestrada sobre o dique Afsluitdijk. Holanda
Autoestrada sobre o dique Afsluitdijk. Holanda

Despois duns quilómetros chegamos á Alemaña e decidimos parar en Bremen, ainda que a choiva torrencial con que nos recibiu, e as poucas ganas de descansar nunha cidade tan grande, fixo que nos desplazáramos uns 20 quilómetros ata a tranquila poboación de Worpswede, que ten fama de ser un lugar de acollemento de artistas.

Aunque non é un lugar especialmente interesante e divertido, sí é un sitio onde nos sentimos a gusto. Ademais, non é nada caro, polo que comimos (Gasthof Zum Hemberg: 38.10euros) e durmimos (Galerie – Hotel Haar: 60 euros) a precios bastante razoables.

Nosa cena en Worpswede. Alemaña
Nosa cena en Worpswede. Alemaña

Gastos pagados no día: Hotel Bergen: 80 euros, Gasóleo: 47 euros; comida: 5.35 euros; cea Worpswede 38.1 euros

Km percorridos no día: 377.6

7 DE AGOSTO: EN ESCANDINAVIA DE NOVO

Worpswede (D) – Båstad (S)

Recordando os bos momentos que pasamos nas dúas viaxes ós países Escandinavos no 2008 e 2009 non dubidamos en continuar a viaxe cara ó norte para así pasar a noite, a ser posible, xa en Suecia. Así fixemos, e saímos cedo pola A1 en dirección á Puttgarden para entrar en Dinamarca utilizando o ferry de Puttgarden – Rødbyhavn e posteriormente entrar en Suecia pola ponte sobre Oresund.

Interminables obras nas autoestradas alemanas
Interminables obras nas autoestradas alemanas

A pesar do tempo perdido nas autopistas alemanas, sempre saturadas de tráfico e obras, dimos chegado á Suecia á unha hora razoable, polo que decidimos pasar a noite no mesmo bed and breakfast onde estivemos fai dous anos cando viaxamos ó Cabo Norte.

O bed and breakfast Sjöbyggaregården seguía sendo un aloxamento inmellorable, nun lugar idílico e cuns anfitrións perfectos. Ó igual que a anterior vez nese lugar, o 6 de xullo de 2009, disfrutamos como nunca da nosa chegada á Escandinavia, axudado sen dúbida pola larguísima posta de sol tan característica destas latitudes. Sen dúbida, un extraordinario lugar onde rematar o día do meu cumpleanos

Muíño preto de Båstad. Suecia
Muíño preto de Båstad. Suecia

Gastos pagados no día: Hotel Worpswede: 60 euros, Gasóleo: 41 euros; comida: 6.5 euros; ferry Puttgarden – Rødbyhavn 86.5 euros; peaxe ponte Oresund: 295 DKK; comisión caixeiro: 7 euros

Km percorridos no día: 617

8 DE AGOSTO: CHEGADA Á GOTEMBURGO

Båstad (S) – Gotemburgo (S)

Pola mañá, despedímos dos anfitrións deste perfecto bed and breakfast despois de tomar un completo almorzo. Por se fora pouco, agasállannos cuns portavelas de artesanía sueca Kosta Boda. Qué máis se lle pode pedir para que un aloxamento sexa perfecto?

O seguinte destino nunca o tivemos tan claro: Gotemburgo. A razón é visitar ós nosos amigos Kersti, Lito e Sofía, cos que xa estivemos tan a gusto cando visitamos esa cidade no 2009. Como non podía ser menos, disfrutamos da súa compañía paseando xunto o lago Slätta damm e ceando na súa casa ata ben entrada a madrugada.

Gastos pagados no día: Bed and breakfast: 750 SEK

Km percorridos no día: 187.7

9 DE AGOSTO: GOTEMBURGO

Gotemburgo (S)

Día de relax e de disfrutar da boa compañía de Kersti, Lito e Sofía. Sen madrugar, cun paseo pola cidade e con outra excelente cea ata a madrugada. Nunca nos cansaremos de agradecerlle a súa hospitalidade!

Gotemburgo
Gotemburgo

10 DE AGOSTO: A ILLA DE UTØYA

Gotemburgo (S) – Buttingsrud (N)

Despedimonos cun “ate logo” a Kersti e Lito, xa que prometímoslles que se íamos ben de tempo voltaríamos a vernos nun cámping xunto a un lago onde ían ir esa fin de semana. Despois, continuamos a viaxe saíndo de Gotemburgo en dirección á Noruega, xa que decidimos visitar a zona dos fiordos entre Bergen e Ålesund.

Cando chegamos á fronteira Noruega, pedimos información na oficina de turismo e aproveitamos para preguntar sobre o seu peculiar sistema de peaxes, xa que algúns deles son de pago automático, sen cabinas de ningún tipo para pagar en metálico ou con tarxeta. Como resposta, dixéronnos que un sistema recoñece a matrícula do coche, e se pode pagar despois nunhas determinadas gasolineiras nun prazo de tres días, ou agardar que te manden un recibo á casa cun pequeno recargo. Como non sabiamos ben cando pasabamos por estos tipos de peaxes, decidimos esperar que nos mandaran o recibo a casa, cousa que a día de hoxe, despois de máis de tres meses, aínda non recibimos.

Flores fronte á Illa de Utøya
Flores fronte á Illa de Utøya

Tras pasar Oslo, continuamos pola E16 dirección Bergen, que transcurre ó carón do Lago Tyrifjorden, onde está a coñecida Illa de Utøya, tristemente famosa pola matanza acontecida o 22 de xullo de 2011. Tendo en conta que apenas pasaron 15 días do tiroteo, á beira da E16 e xusto en fronte da illa, numerosas flores e velas recordan ós falecidos nese lugar.

A non moitos quilómetros de Utøya atopamos un cámping con cabañas para pasar a noite (Buttingsrud camping). Como xa teño comentado noutra entrada deste blog, as cabañas son a mellor forma de aloxamento en Noruega, xa que teñen precios razonables e dispoñen de cociña eléctrica, algo fundamental para aforrar cartos neste país, onde os hoteles e restaurantes teñen precios altísimos.

Gastos pagados no día: Gasóleo: 456.04 SEK; peaxes: 23.5 SEK e 20 NOK; cabaña: 500 NOK; comida: 19 NOK

Km percorridos no día: 386.5

11 DE AGOSTO: CHEGADA ÓS FIORDOS

Buttingsrud (N) – Haukeland (N)

Que mellor forma de espertar que nunha cabaña xunto a un lago en Noruega. Este só é o principio das espectaculares paisaxes que nos acompañarán hoxe máis os dous días seguintes. Volvimos coller a E16 rumbo á Bergen, parando cada pouco para contemplar a natureza en forma lagos, fervenzas e ríos de montaña á beira da estrada. Pero tamén nos sorprende algo feito polo home, como a igrexa de madeira de Borgund, unha auténtica xoia do medievo.

Igrexa de madeira de Borgund
Igrexa de madeira de Borgund

A pouca distancia de Borgund está o Sognefjorden, ou Fiordo dos Soños que, xunto ó de Geiranger, é dos máis visitados en Noruega. Para contemplar mellor dito fiordo, recomendo coller a estreita estrada Fv243 que une Lærdalsøyri con Aurland evitando o túnel de 24.5 km da E16, xa que as vistas merecen a pena.

Fiordo dos Soños. Noruega
Fiordo dos Soños. Noruega
Fiordo dos Soños. Noruega
Fiordo dos Soños. Noruega

Fixemos a seguinte parada en Flåm, famosa por ser a localidade de inicio da ruta en tren do mesmo nome, facendo dela un sitio cheo de turistas e tendas de recordos. Como non nos sentimos moi cómodos neste tipo de lugares continuamos pola E16 hacia Bergen, onde decidimos buscar unha cabaña nun cámping (Bratland Camp) das aforas, para así visitar a cidade pola tarde-noite.

Barrio de Bryggen en Bergen. Noruega
Barrio de Bryggen en Bergen. Noruega

Segundo os consellos de outros viaxeiros e información en foros de internet (mellor non facerlle caso ás guías), en Bergen é imprescindible visitar o barrio de Bryggen, o mercado e a panorámica do monte Fløyen, así que iso é o que imos facer ata a noite. O barrio de Bryggen, Patrimonio da Humanidade, segue tendo un aire de antigo barrio de cidade Hanseática. O mercado, é unha das grandes atraccións da cidade, aínda que na hora á que o visitamos non había moito movemento. Por último, as vistas dende o monte Fløyen, son impresionantes, especialmente se se contempla unha posta de sol.

Solpor dende o Monte Fløyen en Bergen. Noruega
Solpor dende o Monte Fløyen en Bergen. Noruega

Gastos pagados no día: Supermercado: 207 NOK; cabaña: 390 NOK; funicular Bergen: 140 NOK; aparcamento Bergen: 40 NOK

Km percorridos no día: 492.6

12 DE AGOSTO: LAGOS, GLACIARES, E MÁIS FIORDOS

Haukeland (N) – Stryn (N)

Continuamos hacia ó norte conducindo como domingueros contemplando a paisaxe. A uns 100 quilómetros de Bergen, a estrada E39 interrúmpese, e hai que cruzar o Fiordo dos soños nun ferry non excesivamente caro.

Cruzando en ferry o Fiordo dos Soños. Noruega
Cruzando en ferry o Fiordo dos Soños. Noruega

Lagos, montañas, bosques, fiordos e ata un glaciar (Glaciar de Briksdal), son os nosos compañeiros de viaxe durante toda esta etapa, pode que a máis fermosa desta e doutras viaxes. As fotos falan por si soas.

Lago en Noruega
Lago en Noruega
Glaciar de Briksdal. Noruega
Glaciar de Briksdal. Noruega

Dende logo que, despois de tantos quilómetros entre paisaxes impresionantes, non foi difícil atopar una cabaña con vistas para pasar a noite e parte da tarde. Conseguímolo no Holmevik camping, preto de Stryn

Vista dende a cabaña do camping Holmevik. Noruega
Vista dende a cabaña do camping Holmevik. Noruega

Gastos pagados no día: Supermercado: 104 NOK; ferry 109 NOK; gasóleo: 520.18 NOK; cabaña: 400NOK; duchas camping: 30NOK

Km percorridos no día: 383.5

13 DE AGOSTO: O FIORDO DE GEIRANGER E A ESTRADA DOS TROLLS

Stryn (N) – Vinstra (N)

O fiordo de Geiranger e a estrada dos Trolls, son dúas das visitas obrigadas en toda excursión polos fiordos. Nós dirixímonos hacia o Fiordo de Geiranger pola estrada 15 e despois desviámonos pola estrada panorámica 258 (parte de terra, pero en bo estado), que atravesa unha zona alta de montaña con lagos e neveros.

Fiordo de Geiranger. Noruega
Fiordo de Geiranger. Noruega

O Fiordo de Geiranger é outra das marabillas noruegas Patrimonio da Humanidade. Con só 15 quilómetros de lonxitude, está rodeado de altas montañas e moitísimas fervenzas. Ó carón da estrada 63, pódense disfrutar dunhas vistas espectaculares do fiordo.

Fiordo de Geiranger. Noruega
Fiordo de Geiranger. Noruega
Fiordo de Geiranger. Noruega
Fiordo de Geiranger. Noruega

A poucos quilómetros de Geiranger, xusto despois de cruzar en ferry o Fiordo Norddalsfjorden, comeza outra típica estrada panorámica noruega coñecida como Estrada dos Trolls (Trollstigen). No punto máis alto do percorrido hai un miradoiro con vistas á parte máis espectacular do camiño, así como á unha fervenza, onde é interesante parar un bo rato para contemplar a paisaxe.

Estrada dos Trolls. Noruega
Estrada dos Trolls. Noruega

Despois de visitar estas dúas xoias paisaxísticas noruegas, decidimos coller a estrada E6 hacia ó sur en dirección Lillehamer, para facer todo o posible por coincidir con Kersti e Lito ó día seguinte, nalgún lugar do interior de Suecia xunto a un lago, non moi lonxe de Gotemburgo. Facendo camiño, paramos a durmir nunha cabaña en Vinstra (Bøygen Camping), uns 260 quilómetros ó norte de Oslo.

Gastos pagados no día: Supermercado: 119.6 NOK; ferry 86 NOK; cabaña: 40 euros; fresas: 35 NOK

Km percorridos no día: 339

Ata aquí a primeira parte da viaxe. Pinchando nos seguintes enlaces podes ver as outras partes:

2ª parte: Dende Noruega á Eslovenia

3ª parte: Dende Eslovenia á Lugo

Se desexades mais información, podedes deixar un comentario ou escribir a cabonorte2009@hotmail.es

0 pensamientos sobre “POR EUROPA EN COCHE 2011 1ª PARTE: DAS RÍAS GALEGAS ÓS FIORDOS NORUEGOS”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *