POR EUROPA EN COCHE 2ª PARTE: DENDE NORUEGA Á ESLOVENIA

Ésta é a segunda parte do diario da miña viaxe por Europa en coche no ano 2011. Na primeira parte describo o percorrido dende a saída da casa ata Noruega, incluíndo unha volta polos fiordos (pinchar aqui para ver o relato da 1ªparte). A continuación, comentarei a viaxe dende a saída de Noruega ata eslovenia, representado no seguinte mapa.

Percorrido da viaxe e da segunda parte
Percorrido da viaxe e da segunda parte

As ideas xerais da viaxe xa as comentei tamén na 1ª parte do diario, que se poden resumir en disfrutar de cada xornada, sen levar percorrido fixo, sen facerlle apenas caso as guías de viaxe e non facer reservas de aloxamento, xa que esto último nos limita a durmir nun sitio prederminado.

14 DE AGOSTO: DE VOLTA Á SUECIA

Vinstra (N) – Forshaga (S)

Continuando coa viaxe, saímos de Noruega tras 13 días de viaxe e algo máis de 4000 quilómetros coa ilusión de coincidir con Kersti e Lito nalgún lugar do sur de Suecia onde estaban pasar o fin de semana. Comunícannos que escolleron un lugar preto dun lago chamado Forshaga que, por sorte para nós, non estaba demasiado lonxe de onde nos atopabamos.

Forshaga (Suecia)
Forshaga (Suecia)

Así que este día fixemos pouco a pouco os case 400 quilómetros ata Forshaga, pasando por Lillehammer, Kongsvinger e Arvika, sempre por estradas en bastante bo estado, entre ríos, lagos e bosques de coníferas. Xa en Forshaga, reunímonos con Kersti e Lito no cámping da localidade, que está xunto un bonito lago. Coma sempre, disfrutamos da súa compaña o resto do día.

Cabana no cámping de Forshaga
Cabana no cámping de Forshaga

Gastos pagados no día: Gasóleo: 335 NOK, comida: 96 NOK, cervezas: 79.90 SEK, ducha cámping: 10 NOK, cabana cámping Forshaga: 500SEK

Quilómetros percorridos no día: 394.3

15 DE AGOSTO: AS VECES, CÓMO NOS GUSTA REPETIR

Forshaga (S) – Båstad (S)

Despois de despedirnos de Kersti e Lito por segunda vez nesta viaxe, tomamos a estrada 45 rumbo sur, pasando despois por Gotemburgo, aínda que desta vez non paramos nesta cidade. De novo na E6, camiño de Dinamarca, decidimos parar para pasar a tarde e a noite nun lugar xa ben coñecido por nós: Båstad.

Båstad
Båstad

Na primeira parte da viaxe xa falei do a gusto que nos sentimos neste lugar. Ademais, non fará falla decir que para durmir tamén escollemos o mesmo B&B que uns días antes. Se as dúas veces que estivemos en Båstad foron inesquecibles, por qué non repetir unha terceira?

Gastos pagados no día: Gasóleo: 590.19 SEK, comida: 205.3 SEK

Quilómetros percorridos no día: 487

16 DE AGOSTO: CAMBIO DE PLANS

Båstad (S) – Ratzeburg (D)

Ó comezar a viaxe, non descartamos a posibilidade de percorrer o sur de Polonia e Eslovaquia, xa que especialmente os arredores de Cracovia e os Tatra son zonas que xa fai uns anos tivemos ganas de visitar. Pero como o tempo non chega para todo, neste día decidimos viaxar cara ó sur, ata chegar á zona dos Alpes e Eslovenia. Quizais o próximo ano toque unha viaxe pola Europa do Leste.

Xa de novo na estrada, poñémonos rumbo á Dinamarca, ainda que dubidamos de que forma entrar neste país. Tanto na ida coma na viaxe do 2009 utilizamos a Ponte de Oresund, ainda que hai que percorrer uns quilómetros de máis e pagar unha peaxe. Desta vez decidimos usar o ferry de Helsingborg (Suecia) á Helsingør (Dinamarca), e pensamos que foi unha opción acertada, xa que penso que aforramos tempo e distancia. Ademais, as vistas do castelo de Helsingør cando se está chegando á esta cidade danesa merecen a pena.

Castelo de Helsingør (Dinamarca)
Castelo de Helsingør (Dinamarca)

Sen facer unha parada en Helsingør, que xa visitamos no ano 2008 noutra viaxe por Dinamarca, continuamos cara Alemania…e outra vez tocaba elexir o camiño máis convinte. En distancia este era, sen dúbida, collendo o ferry de Gedser (Dinamarca) á Rostock (Alemaña), pero non nos cadraban ben os horarios e por iso volvimos no noso ben usado ferry de Rødbyhavn (Dinamarca) á Puttgarden (Alemaña).

Para descansar escollimos a cidade de Ratzeburg, que non é fea e está nun bonito entorno xunto a un lago, aínda que non aconsello parar alí a non ser que cadre de camiño, coma no noso caso. O único hotel que atopamos foi o Hotel Pension Heckendof, que costaba 85 euros a noite con almorzo incluído, sen dúbida o máis caro desta viaxe. Eso sí, en con un mini bar na habitación onde a botella de cerveza costaba só un euro!

Gastos pagados no día: B&B Båstad: 700 SEK, Ferry Helsingborg – Helsingør: 420 SEK, Ferry Rødbyhavn – Puttgarden: 647 SEK, cea 22.5 euros

Quilómetros percorridos no día: 409.1

17 DE AGOSTO: BREVE INCURSIÓN NA REPÚBLICA CHECA

Ratzeburg (D) – Silberbach (D)

Parece mentira que un hotel deste nivel en Alemaña non dispoña de terminal para pagar con tarxeta, así que non tivemos máis remedio que pagar en metálico os 85 euros do aloxamento máis caro da viaxe. Despois, fixemos quilómetros toda a mañá cara ó sur, facendo apenas unha parada na cidade de Halle, onde se podimos apreciar a diferencia que existe entre as cidades da antiga Alemaña Oriental respecto da Occidental.

Pola tarde, atopamos un Gasthof (Sahönblick) barato (54 euros con almorzo) en Silberbach, preto da cidade de Selb, e como vemos que está a moi poca distancia da República Checa e temos parte da tarde por diante, decidimos facer unha excursión ata ese país, buscando unha localidade para visitar preto da fronteira: Cheb

Cheb, na República Checa
Cheb, na República Checa

De Cheb gustounos o centro, cunha plaza bastante bonita. A verdade é que tiñamos ganas de cear alí, pero decidimos facelo en Alemaña xa que non tiñamos nada de coronas checas.

Gastos pagados no día: Hotel Ratzeburg: 87 euros (Habitación 85 euros, 2 cervexas: 2 euros) Gasóleo: 62 euros, Gasthof Silverbach: 54 euros, supermercado: 8.63 euros

Quilómetros percorridos no día: 586.3

18 DE AGOSTO: OS ALPES

Silberbach (D) – Obertraun (A)

Abandonamos cedo o tranquilo Gasthof de Silverbach (éramos os seus únicos clientes) e seguimos en dirección ó sur, pero tomando estradas fóra das Autobahn atestadas de tráfico. Entramos en Austria pola cidade de Passau e logo seguimos hacia o sur para acercarnos máis ós Alpes e coñecer a fermosa localidade de Hallstatt e a sua contorna.

Lago Hallstättersee (Austria)
Lago Hallstättersee (Austria)

Ó comezar a tarde, buscamos para durmir nunha casa particular en Obertraun, a uns 4 quilómetros de Hallstatt, un lugar bastante máis tranquilo que o anterior. Hallstatt, aunque atractiva, é demasiado turística, razón pola cal decidimos visitala ó día seguinte pola mañá e adicar ó resto da xornada para rodear o seu fermoso lago Hallstättersee.

Para descansar non nos equivocamos con Obertraun. É tranquilo e ademáis ten varios bares e restaurantes ben de precio. Hai varios gastoff e casas particulares, coma a nosa Haus Kieninger, moi recomendable, e por só 54 euros con almorzo.

Gastos pagados no día: Gasóleo: 46 euros, pegatina peaxe Austria para 10 días: 7.90euros, supermercado: 3.60 euros, cervexas: 6.20 euros, cea: 27 euros

Quilómetros percorridos no día: 460

19 DE AGOSTO: OS LAGOS DO SALZKAMMERGUT

Obertraun (A) – Obertraun (A)

Eu sempre digo que a mellor hora de visita dos lugares moi turísticos son as primeiras horas da mañá ou pola noite. Entón, decidimos levantarnos cedo para visitar Hallstatt, xa que pola noite rematamos de cear tarde.

Hallstatt (Austria)
Hallstatt (Austria)

O primeiro que nos indica a súa carga turística é o precio do aparcamento, que ten unas tarifas abusivas. Despois, a enorme cantidade de tendas de recordos e restaurantes faime sospeitar que este é un lugar onde non vive ninguén, mais que os comerciantes que lle sacan os cartos ós turistas. De todos os xeitos, Hallstatt é moi fermoso, e é un lugar perfecto para pasear antes de que cheguen (ou despois de que se vaian) toda a marea de turistas. Unha das imaxes máis curiosas deste sitio, son a especie de palafitos que usan sobre todo como garaxe das barcas, unha forma curiosa de aproveitar o espazo sobre o lago.

Hallstatt (Austria)
Hallstatt (Austria)

O resto do día pasámolo paseando no coche ó redor dos lagos Attersee, Mondsee e Wolfgangsee, todos moi bonitos e uns destinos moi populares para veraneo «na praia» dos austríacos. Tamén visitamos o lago Grundlsee, á maior altitude, e baixo unha treboada.

Lagos de Salzkammergut (Austria)
Lagos de Salzkammergut (Austria)

Gastos pagados no día: Aparcamento Hallstatt: 4.50, supermercado: 7.39 euros, cea: 33 euros

Quilómetros percorridos no día: 219.8

20 DE AGOSTO: Á ESLOVENIA

Obertraun (A) – Stara Fužina (SLO)

O mellor de viaxar por Centroeuropa é ver o preto que está todo. No mapa, vemos que apenas nos separan uns poucos quilómetros dun país balcánico como Eslovenia, que sempre quixemos visitar. Continuamos entón hacia ó sur en dirección á aquel pais, concretamente á sua zona noroeste para coñecer os famosos Alpes Xulianos.

Estrada nos Alpes (Austria)
Estrada nos Alpes (Austria)

Tras uns cantos quilómetros por estradas e autoestradas alpinas entramos en Eslovenia pola estrada 101 a través do Loibltunnel, co obxectivo de non ter que pisar ningunha autoestrada deste país, onde hai que levar ben visible unha pegatina que indica que abonaches os cartos de peaxe para usalas por un ano, e que custa uns 60 euros. De todos os xeitos, sen darnos conta chegamos á unha autoestrada e tivemos que andar uns quilómetros por ela, na que afortunadamente non había moita vixilancia.

Xa fóra da autoestrada, fumos en dirección a Bled e o famoso Parque Nacional do Triglav, un dos lugares máis famosos deste pequeno país. Atopamos para durmir un apartamento no lugar de Stara Fužina, a carón do lago Bohinj, dentro do Parque Nacional. Neste lugar, o acento balcánico da xente que oímos falar, así como os prezos considerablemente máis baixos (a pesares de ser un lugar moi turístico), fannos sentir que estamos nun sitio moi diferente do que estivemos habituados estes días.

Gastos pagados no día: Gasóleo: 40 euros, Casa Obertrain: 108 euros (54 euros por día), supermercado: 15.83 euros, cervexas: 4 euros

Quilómetros percorridos no día: 322.9

21 DE AGOSTO: O PARQUE NATURAL DO TRIGLAV

Stara Fužina (SLO) – Stara Fužina (SLO)

Sen dúbida algunha, decidimos pasar o día neste fermoso Parque Natural. E non nos importaría estar uns cantos máis días se non fose pola calor. O primeiro sitio a visitar é Bled, co seu lago e o seu castelo.

Lago de Bled, Eslovenia
Lago de Bled, Eslovenia

O castelo é dende onde se ten a mellor panorámica do lago, e ésta é a única razón pola que visitalo, xa que polo seu contido do interior ou o seu valor histórico non pagaría a pena os 6 euros a abonar pola entrada (coa reducción do carnet de estudiante, ante a incrédula taquillera).

Castelo de Bled (Eslovenia)
Castelo de Bled (Eslovenia)

Despois de Bled,o mellor é percorrer o Parque Nacional, cunhas paisaxes excelentes, bastantes bosques e picos de case 3000m.de altitude. Se non fixese tanto calor, non dubidaría en alquilar unhas bicicletas para percorrelo.

Parque Nacional do Trigalv (Eslovenia)
Parque Nacional do Trigalv (Eslovenia)

Se non se ten unha bicicleta, tamén no coche se pode chegar a sitios ben fermosos do parque, como algunhas fervenzas. Eso si, moitas estradas están sen asfaltar, ainda que en bo estado.

Parque Nacional do Trigalv (Eslovenia)
Parque Nacional do Trigalv (Eslovenia)

Voltamos durmir no mesmo sitio que o día anterior. Un apartamento con cociña por 46 euros noite, en pleno Parque Nacional.

Gastos pagados no día: Castelo Bled: 12 euros, comida: 11 euros, cervexas: 4 euros

Quilómetros percorridos no día: 163.3

Ata aquí a segunda parte da viaxe. Aquí podes enlazar coas outras dúas:

1ª parte: Dende Lugo á Noruega

3ª parte: Dende Eslovenia á Lugo

Se desexades máis información, podedes deixar un comentario ou escribir á cabonorte2009@hotmail.es

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.