Archivo de la etiqueta: Galiza

LUGARES PARA VER A NOSA HISTORIA: O MEGALITISMO E A IDADE DO BRONCE

Os meus lugares favoritos para ver o megalitismo e a Idade de Bronce

Dolmen de Dombate

Nesta nova entrada, comparto con vós os que para min son os mellores lugares para ver o megalitismo e a Idade do Bronce na Galiza fóra dos museos.

Petróglifos de Mogor (Marín)
Petróglifos de Mogor (Marín)

Foi difícil decidir cales, xa que temos unha morea de bos exemplos por todo o territorio, mais supoño que moitos concordaredes conmigo de que istos son dos máis importantes. Todos están xeolocalizados en GoogleMaps, polo que non hai máis que escribilo no buscador para chegar a eles.

Foxo do Lobo (Muíños)
Foxo do Lobo (Muíños)

O MEGALITISMO

Galiza é unha terra onde non é difícil ver as pegadas do megalitismo. Por iso, palabras como mámoa, anta ou pedrafita, son moi familiares para nós. Espalladas polo territorio, encontramos numerosas mostras deste pasado neolítico, ainda que en demasiados casos en estados de conservación moi deteriorados, debido sobre todo aos expolios ao longo dos séculos, ou os danos da maquinaria agrícola ou forestal nas épocas máis recentes.

Dolmen da Pena da Arca (Vimianzo)
Dolmen da Pena da Arca (Vimianzo)

A pesar disto, a día de hoxe podemos gozar de moitos lugares onde ver estas xoias de épocas pasadas. Estes son algúns dos meus favoritos:

Forno dos Mouros (Toques)
Forno dos Mouros (Toques)

Antas ou dolmens:

Se hai un dolmen preparado para as visitas é o Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños). Completamente restaurado, protexido e con centro de interpretación.

Dolmen de Dombate
Dolmen de Dombate

Preto do Dolmen de Dombate podemos observar gran cantidade destes monumentos funerarios megalíticos, algúns incluídos na Ruta dos Dolmens, como pode ser a Pedra da Arca ou a Pedra Cuberta (Vimianzo).

Pedra Cuberta (Vimianzo)
Pedra Cuberta (Vimianzo)

Dentro da provincia da Coruña, tamén podemos ver outros dolmens importantes como o de Axeitos (Ribeira), Cabaleiros (Tordoia) ou Forno do Mouros (Toques).

Dolmen de Cabaleiros (Tordoia)
Dolmen de Cabaleiros (Tordoia)

En Terras da Limia, destacan pola súa monumentalidade a Casiña da Moura e o Foxo do Lobo (Muiños). A todos eles é moi fácil acceder.

Casiña da Moura (Muíños)
Casiña da Moura (Muíños)

Pedrafitas ou menhires:

Ás veces é moi dificil identificar e localizar este tipo de monumento megalítico, xa que moitos deles acabaron como marcos, lindes de fincas ou simplemente ocultos nos montes.

Lapa de Gargantáns (Moraña)
Lapa de Gargantáns (Moraña)

Pola súa fácil visualización, identificación e acceso, destaco sobre todo estes dous: a Lapa de Gargantáns (Moraña) e a Pedra Alta da Antela (Sarreaus), ambos se poden visitar de forma moi fácil, preto das estradas e mesmo están sinalizados.

Pedra Alta da Antela (Sarreaus)
Pedra Alta da Antela (Sarreaus)

Este último serve, ademáis, como marco entre os Concellos de Sarreaus, Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía.

Círculo Lítico da Roda (Barreiros)
Círculo Lítico da Roda (Barreiros)

Crómlech:

Máis difícil de ver na Galiza son os crómlech, xa que moitas das pedras que os constitúen ficaron esquecidas baixo terra ou mesmo reutilizadas para diversas funcións.

Círculo Lítico da Roda (Barreiros)
Círculo Lítico da Roda (Barreiros)

Un dos crómlech que se pode visitar máis facilmente é o Círculo Lítico da Roda (Barreiros). Este crómlech, segundo o sinal que hai ao seu carón, está datado na Idade de Bronce.

petroglifo, petróglifo, labirinto, mogor
Petróglifos de Modor (Marín)

A IDADE DO BRONCE

Se hai algo característico da Idade do Bronce na Galiza son os petróglifos. Ainda que os hai en moitísimos lugares de todo o territorio galego, é na zona do Suroeste onde temos unha maior concentración deles.

Laxe dos Cabalos
Laxe dos Cabalos. Campo Lameiro

Os mellores grupos de petróglifos para visitar penso que son os de Campo Lameiro, Mogor (Marín) e Tourón (Ponte Caldelas).

Tourón (Castro Caldelas)
Tourón (Castro Caldelas)

Están os tres bastante próximos e os tres están moi ben conservados, teñen unha ruta sinalizada e ate contan cun centro de interpretación.

Campo Lameiro
Campo Lameiro

De estes tres sen dúbida o máis coñecido é o de Campo Lameiro, onde está o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, que conta con diversas actividades e visitas guiadas.

Altar de Adai
Altar de Adai

Outro lugar interesante, que todo apunta a ser datado na idade de bronce, é o Altar da Adai (Lugo). A poucos quilómetros da cidade de Lugo podemos ver esta rocha con unhas 15 cavidades ao redor e unha máis grande interior, que posiblemente fose o piso dun santuario.

Altar de Adai
Altar de Adai

Moi preto del, podemos ver tamén varios petróglifos, unha anta e un posible crómlech.

Anta en Adai (Lugo)
Anta en Adai (Lugo)

Un lugar sen dúbida moi especial, ainda que no día que escribo isto non ten sinalización e ten difícil acceso.

Ruta polos Petróglifos de Tourón
Ruta polos Petróglifos de Tourón

Estos son, polo tanto, os que para min son os mellores lugares para visitar o megalitismo e a arte rupestre na Galicia. Se te gustaría engadir algún máis, ou tes algunha pregunta sobre eles, non dubides en escribir un comentario.

Ruta dos Muíños do Folón e Picón

Guía práctica para facer a ruta dos Muíños do Folón e Picón

Muíños do Folón
Muíños do Folón

A ruta dos Muíños do Folón e Picón é unha das máis coñecidas do País. Está situada na aldea de Martín, no Concello do Rosal, ao Sur da Provincia de Pontevedra, moi preto da fronteira con Portugal.

Muíños
Muíños

A peculiaridade deste percorrido é que camiñaremos entre un total de 67 muíños, declarados Ben de Interese Cultural, así coma entre fermosas paisaxes do Val do Rosal.

Sinalización na ruta
Sinalización na ruta

A ruta: lonxitude e desnivel.

A ruta, catalogada como a PR-G 94, é circular, e ten Sigue leyendo Ruta dos Muíños do Folón e Picón

Visita ao Castro de Candaz

Guía da visita ao Castro de Candaz

castro de candaz

Aínda que hai moitos castros espallados por todo o territorio galego, moi poucos se encontran nunha paraxe tan curiosa como o Castro de Candaz.

Castro de Candaz
O Castro de Candaz, emerxe do Encoro de Belesar coa seca

Situado nunha península no Río Miño, en plena Ribeira Sacra, o primeiro que debemos saber é que este castro está case todo o ano baixo as augas do Encoro de Belesar, así que só teremos uns poucos días ao ano (salvo casos de sequías prolongadas ou traballos de mantemento do encoro) para poder visitalo, polo xeral Sigue leyendo Visita ao Castro de Candaz

A Rapa das Bestas de Sabucedo

Guía práctica para a visitar a Rapa das Bestas de Sabucedo

rapa da bestas, sabucedo

A Rapa das Bestas de Sabucedo é unha das festas tradicionais máis coñecidas do noso país, así que non podería faltar unha entrada neste blog con información para gozar desta gran festa. Agardo que vos guste e vos sexa útil!

rapa das bestas, sabucedo
Cabalos no curro

Que é a Rapa das Bestas?

A rapa das bestas é unha actividade tradicional que consiste en agrupar os cabalos que se encontran ceibes no monte para Sigue leyendo A Rapa das Bestas de Sabucedo

A Lagoa de Cospeito

Guía da visita a unha das lagoas máis famosas da Terra Chá

Lagoa de cospeito, lugo, terra cha

Nas chairas do centro da provincia de Lugo, en plena Terra Chá, podemos gozar dun espazo natural que é un auténtico paraíso para os amantes das paisaxes e da natureza, e en especial as aves: A Lagoa de Cospeito.

Situación da Lagoa de Cospeito
Situación da Lagoa de Cospeito

É, ademáis, un lugar único para pasear e relaxarse, xa que se pode percorrer todo ao seu redor por un bonito sendeiro.

A Lagoa de Cospeito, Lugo, terra cha
A Lagoa de Cospeito

A LAGOA DE COSPEITO

A lagoa tivo considerables dimensións no pasado, e foi Sigue leyendo A Lagoa de Cospeito

O ENTROIDO DO OSO DE SALCEDO

Guía para visitar un dos entroidos máis orixinais da nosa terra

oso de salcedo, salcedo, pobra de brollón, entroido
O Oso e os seus criados

En que consiste o Entroido do Oso de Salcedo?

O entroido da aldea de Salcedo, situado no Concello de Pobra do Brollón (Lugo), é sen dúbida un dos máis orixinais da Galiza. Non ten nada que ver cos entroidos que estamos acostumados a ver por aquí, aínda que si os hai similares en lugares tan lonxanos como nos Alpes, Romanía ou mesmo no Xapón.

salcedo
Localización de Salcedo na Galiza

salcedo
Salcedo pertence a Pobra do Brollón, moi preto de Monforte de Lemos

Consiste na representación dun oso, que percorre as rúas de Salcedo manchando aos veciños (e visitantes) con auga misturada con cinza. Tanto ten que tentemos fuxir do oso; se ve que non Sigue leyendo O ENTROIDO DO OSO DE SALCEDO

RUTA TURÍSTICA POLO CONCELLO DE LALÍN

Un percorrido polo mellor do Concello de Lalín

Porco, Lalín, Cocido

Cando falamos de Lalín, o primeiro que pensamos é na Feira do Cocido e na súa gran calidade gastronómica. E Lalín é moito máis ca iso; xa que sen sair dos límites deste concello do centro do país, podemos pasar uns días visitando interesantes museos, ollando paisaxes que namoran, facendo rutas de sendeirismo e, como non, probando a súa fantástica comida local.

Monumento a Loriga, na Vila de Lalín
Monumento a Loriga, na Vila de Lalín

A VILA DE LALÍN

Para comezar a nosa ruta turística pola Vila de Lalín, o mellor é situarnos no vangardista e pintoresco  Concello. Esta famosa obra dos arquitectos Mansilla e Tuñón, coñecida como O Castro Tecnolóxico, ten un deseño que non Sigue leyendo RUTA TURÍSTICA POLO CONCELLO DE LALÍN

AUGAS SANTAS: ENTRE A HISTORIA E A LENDA

A Lenda de Santa Mariña, e pegadas celtas, romanas e medievais, a pouca distancia de Allariz

Augas santas, allariz, santa mariña, lendas, galiza, galicia, ourense
A Pía de Santa Mariña e, ao fondo, o antiguo castro do Outeiro dos Pendóns

Poucos lugares hai onde a historia e a lenda sexan tan sorprendentes como en Augas Santas. Quen chega ate aquí, ven sen dúbida buscando algo único. A quen lle guste a historia, vai gozar dunha serie de impresionantes restos da cultura celta, romana, xermánica e ate a templaria, que non son nada comúns. Por outro lado, os amantes das lendas, xa sexan paganas ou cristiáns, van ter neste lugar unha boa fonte para a súa imaxinación, porque non hai pedra, árbore, fonte,…que non teña un significado en toda esta parroquia.

sendeiro, augas santas, allariz, ourense, galiza
Sendeiro pola ruta arqueolóxica de Augas Santas

A maior parte dos visitantes chegan á aldea de Santa Mariña de Augas Santas desde Allariz, que é ao concello ao que pertence, e se encontra a só 6 kilómetros do seu centro.

Santa Mariña, allariz, augas santas
Santa Mariña de Augas Santas está a uns 6 km de Allariz, pola estrada OU-0101

Esta aldea xa, por si soa, hai que dedicarlle un tempo para dar un paseo por ela. Declarado Conxunto Histórico – Artístico, conta con moitas casas tradicionais ben conservadas e nun bo estado en xeral. Ten, ademais, algún artesán nas súas rúas. A igrexa de Santa Mariña, románica do século XII con engadidos do XVIII, destaca sobre o Sigue leyendo AUGAS SANTAS: ENTRE A HISTORIA E A LENDA

VISITA AO POZO DA FERIDA E O SOUTO DA RETORTA

Guía para coñecer unhas das xoias paixasísticas do concello de Viveiro e da Mariña Lucense

pozo da ferida, viveiro, galiza, lugo
Pozo da Ferida

O concello de Viveiro é ben coñecido sobre todo polo seu casco antigo, coa famosa Porta de Carlos V, e as súas praias, que atraen a moitos turistas cada ano. Pero tamén esconde outras marabillas que a moitos dos seus visitantes se lle escapan. Por un lado o Pozo da Ferida, unha espectacular fervenza que remata nunha bucólica paisaxe cun lago que parece un conto de fadas. Por outro lado o Souto da Retorta (tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín), que máis que pola súa paisaxe, é un bosque que destaca sobre todo polos seus enormes exemplares de eucalipto, plantados a principios do século XX, e que alcanzan proporcións enormes, o que fan deste sitio tamén un lugar único.

Pozo da Ferida, Viveiro, Lugo, Galiza
Pozo da Ferida

O Pozo da Ferida

Ainda que se pode chegar desde varias rutas, a máis rápida e cómoda é ir en coche ate a estrada máis preto da fervenza, e despois continuar andando uns 700 metros por un sendeiro que nos levará ate o mesmo Pozo da Ferida.

Acceso pozo da ferida, pozo da ferida, viveiro
Acceso ao Pozo da Ferida en coche

Teremos que conducir 14 km desde o centro da localidade de Viveiro, primeiro saindo pola LU-540 dirección Lugo, despois tomar un cruce á esquerda pola LU-161 dirección Mondoñedo (neste cruce viraremos á dereita se vimos pola estrada de Lugo), e posteriormente seguir os carteis que nos levarán pola LU-P-2604. Tras pasar uns km de monte, ao ver as primeiras casas, seguir a indicación á dereita ate que a estrada se converta nunha pista de terra. Neste punto aparcaremos o noso vehículo e comezaremos a andar os 700 metros que nos separan do Pozo da Ferida.

ruta a Pozo da Ferida, Pozo da Ferida, Viveiro
Acceso ao Pozo da Ferida a pé

Tras dar os primeiros pasos pola pista de terra, unha indicación ao carón dunha casa en ruinas nos indicará un camiño á dereita.

pozo da ferida, viveiro
Indicación ao Pozo da Ferida pouco despois de aparcar o vehículo

pozo da ferida, viveiro
Inicio do camiño a pé

Ao pouco de comezar a andar, pasamos por diante doutras ruinas, e despois duns cantos metros máis, vemos que do noso camiño sae un ramal á dereita, que nos leva a un río cunha pequena presa e á parte superior da fervenza do Pozo da Ferida. Ainda que o lugar tamén ten o seu encanto, debemos continuar polo sendeiro anterior, que agora se converte nunha pronunciada baixada.

Pozo da Ferida, Viveiro
Chegando ao Pozo da Ferida

Tras unha curva á dereita, a pendente disminúe e nos leva aos pocos metros xa directamente ao Pozo da Ferida.

Muiño, pozo da ferida, viveiro
Muiño á chegada ao Pozo da Ferida

O primeiro que vemos é un antigo muíño, e xa detrás de el, encontrámonos coa fermosa fervenza e o seu lago. Un lugar inesquecíble.

pozo da Ferida, viveiro, xove, lugo, galiza
Pozo da Ferida

O Souto da Retorta

O Souto da Retorta, tamén coñecido como o Eucaliptal de Chavín, non é un lugar tan fermoso coma o anterior, mais non por elo menos interesante.

souto da retorta, viveiro, eucalipto, chavin, lugo galiza
Enorme eucalipto no Souto da Retorta

De feito, trátase dun pequeno bosque de eucalipto acompañado de outras especies do país, nunha paraxe á beira do Río Landro. A particularidade do lugar está en que os eucaliptos foron plantados a finais do século XIX, polo que podemos ver as árbores máis altas da Galiza. Entre elas destaca «o avó«, un enorme eucalipto que chega ate os 67 metros de altura e 10,5 metros de perímetro do tronco, que semella a pata dun elefante.

souto da retorta, viveiro, chavin
Acceso en coche ao Souto da Retorta

Chegar ate o Souto da Retorta é doado. Encóntrase a só 7,3 km en coche desde o centro de Viveiro, e non hai máis que seguir a LU-540 dirección Lugo ate chegar a un cruce á esquerda ao pouco de sair da vila, que nos leva pola LU-161 dirección Mondoñedo. Se vimos desde Lugo pola LU-540 non nos fará falla entrar en Viveiro, xa que podemos virar neste mesmo cruce á dereita. Despois continuamos pola estrada LU-161 ate a localidade de Chavín, onde está indicado o aparcamento onde deixaremos o noso vehículo. O aparcadoiro está xusto aos pes do Souto da Retorta, e xusto á entrada xa temos un panel explicativo sobre o lugar.

souto da retorta, viveiro
Acceso a pé ao Souto da Retorta

souto da retorta, viveiro
Panel de inicio do camiño

Souto da Retorta, Viveiro
Primeiros pasos polo Souto da Retorta

Desde aquí ate o exemplar más famoso (o avó) non hai máis de 800 metros, por un sendeiro sen pendente que vai a carón dun canal, rodeado sempre de bosque.

o avó, souto da retorta, eucaliptal de chavin, eucalipto, chavin, viveiro, lugo, galiza
O avó

O avó é doado de localizar. Rodeado dun valado de madeira, para non danalo, destaca sobre as demáis árbores.

o avó, souto da retorta, chavin, viveiro
O pé de O Avó

Ao seu carón, un panel explicativo nos conta por que esta é unha das árbores máis coñecidas do país.

souto da retorta, chavin, viveiro
Souto da Retorta

Pois isto é todo! e xa sabedes que, coma é habitual neste blog, tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente vos gustaría comentar algo sobre o lugar, non dubidedes en escribir un comentario.

VISITA AOS PETRÓGLIFOS DE CAMPO LAMEIRO

Descubrindo unhas das mellores pegadas de arte rupestre do mundo

Campo Lameiro
Campo Lameiro

Ainda que non é estrano na nosa terra encontrar petróglifos, un dos lugares onde temos unha maior concentración deles é no Concello de Campo Lameiro. Situado a poucos quilómetros ao nordés da cidade de Pontevedra, nas terras de Campo Lameiro podemos ver unhas das mellores mostras deste tipo de arte rupestre, que se poden ver talladas en pedras por distintos puntos do concello ou mesmo dentro do recinto do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), onde ademais dun centro de interpretación, hai unha superficie de máis de 20 hectáreas cunha gran concentración de importantes petróglifos, que mesmo se poden ver nunha visita guiada.

Petróglifo no Chan da Lagoa
Petróglifo no Chan da Lagoa

O PAAR DE CAMPO LAMEIRO

Ao chegar a Campo Lameiro, o primeiro que recomendo facer é visitar o PAAR. Está ben sinalizado, xa antes de chegar á capital da vila, polo que é case imposible perderse. Unha vez no PAAR, e tras pagar a entrada (4,50€), nos diriximos a ver o centro de interpretación, onde uns paneis nos explican as orixes e outras informacións sobre o arte rupestre. Podemos ver tamén unha proxección sobre a mesma temática, así como a reconstrucción de como sería a vida nesa época.

Petróglifo no PAAR
Petróglifo no PAAR

Pero o mellor do PAAR está no exterior. Co mapa que nos deron na entrada, saímos a descobrir un excepcional conxunto de petróglifos por unha ruta de máis de 3 quilómetros ben sinalizada. Para elo, recomendo facer a ruta cunha visita guiada (só 1€ a maiores da entrada), que soe haber entre 2 e 3 ao día dependendo da tempada.

Laxe dos Cabalos
Laxe dos Cabalos

A visita guiada comeza coa Laxe da Forneiriña, onde temos o primeiro contacto co lugar. Despois continua coa impresionante Laxe dos Cabalos, cunha fermosa e enorme figura animal. A seguinte parada é o Outeiro dos Cogoludos, con varios círculos concéntricos, así como algunha figura animal e ate un guerreiro. A visita acaba cunha parada na reconstrucción dun poboado da época, onde se pode acceder a varias chozas. Este percorrido dura aproximadamente unha hora, ainda que se se desexa, se poden ver o resto dos petróglifos do recinto por libre.

Petróglifo en Matabois
Petróglifo en Matabois

OUTROS PETRÓGLIFOS NO CONCELLO

Mais non só hai petróglifos no PAAR. Non moi lonxe do centro de interpretación, tamén podemos ver outras xoias do arte rupestre. Uns dos máis destacados son os do Campo de Matabois, onde se poden ver ate espadas. Non moi lonxe, está o de Chan da Lagoa, onde se poden ver algunhas figuras de animais.

Chan da Lagoa
Chan da Lagoa

Outro dos conxuntos máis interesantes do concello é a que está no Castro de Penalba. Situado nun alto sobre os restos dun antigo castro e preto dunha capela, podemos ver a famosa Pedra da Serpe, onde se representa a unha serpe, ou se cadra dúas no momento do apareamento. Como é común na Galiza, este lugar ten asociado unha serie de lendas e crenzas, relacionadas coa fertilidade.

Área de Peñalba
Área de Peñalba

E ainda temos máis petróglifos espallados polo concello, algúns deles non tan famosos e outros en zonas de peor acceso. De todos os xeitos, todos os anteriores son unha boa mostra do mellor do arte rupestre, e estou seguro que non defraudarán a ninguén que visite este lugar.

Pedra da Serpe
Pedra da Serpe

Pois isto é todo! Espero que esta pequena guía vos sexa útil e vos guste este lugar polo menos tanto coma a min. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.