Guía práctica para facer a ruta dos Muíños do Folón e Picón

A ruta dos Muíños do Folón e Picón é unha das máis coñecidas do País. Está situada na aldea de Martín, no Concello do Rosal, ao Sur da Provincia de Pontevedra, moi preto da fronteira con Portugal.

A peculiaridade deste percorrido é que camiñaremos entre un total de 67 muíños, declarados Ben de Interese Cultural, así coma entre fermosas paisaxes do Val do Rosal.

A ruta: lonxitude e desnivel.
A ruta, catalogada como a PR-G 94, é circular, e ten unha lonxitude de só 3,5 quilómetros, podéndose aumentar 1,6 quilómetros máis se facemos a versión longa ate a Hermida de San Martiño. Ten un desnivel de uns 210 metros.

Dificultade.
A ruta penso que é apta para case calqueira persoa, mesmo nenos. Aínda que é curta (apenas 3,5 quilómetros), ten un desnivel considerable, xa que se ascenden algo máis de 200 metros de altitude en pouca distancia, polo que se non estamos en boa forma física debemos ir máis despacio.

Non está adaptada para cadeiras de rodas nin bicicletas, e se levamos bebés ou nenos moi pequenos (coma foi o noso caso, que a fixemos cun bebé de 4 meses), debemos levalos porteados.

Duración.
Depende do rápidos que vaiamos e da nosa forma física. Tendo en conta a lonxitude, nivel de dificultade, as paradas para ver os muíños e as vistas na parte máis alta, debemos contar cun mínimo de dúas horas sen contar co desvío á Hermida de San Martiño.

Onde empezar a ruta.
A ruta empeza no amplo aparcadoiro na aldea de Martín. Coma é circular, podemos subir primeiro polos Muíños do Picón (subindo á dereita do aparcadoiro) ou polos do Picón (á esquerda do aparcadoiro, tras cruzar un río e pasando o punto de información). Nós fixemos a primeira opción, xa que pensamos que a subida é algo máis progresiva.

Sinalización.
A ruta está moi ben sinalizada, tanto con paneis de información, como postes e pinturas coa raia branca e amarela. É, polo tanto, case imposible perderse, polo que penso que non é preciso levar os tracks descargados.

Centro de información.
Hai un centro de información xusto onde comeza a ruta, ao carón do aparcadoiro. Non vos podo contar que hai nel, xa que cando fixemos a ruta (un sábado do mes de maio), estaba fechado.

A ruta: descripción.
Saíndo do aparcadoiro, tomamos o sendeiro xunto ao río (sen cruzalo), en dirección aos Muíños do Picón (aínda que, como xa dixen antes, tamén se pode facer en sentido contrario). Empezamos a ascender, e pronto pasaremos pola aldea de Picón, donde hai un restaurante.

Ao deixar a aldea, o camiño ascende entre os primeiros muíños, primeiro por unha pista con adoquíns, para pasar despois a unhas congrostras con bastante pedras que nos leva polo medio do muíños.

Tras subir máis ou menos un quilómetro chegamos á parte máis alta da ruta, onde podemos gozar de fermosas panorámicas de O Rosal e o tramo final do Río Miño, co Monte de Santa Tegra e Portugal ao fondo.

Nesta parte alta da ruta, temos a opción de seguir por unha pista ate a Hermida de San Martiño, onde teremos que facer o mesmo camiño de volta, ou empezar a baixar cara os Muíños de O Folón.

A baixada é moi forte xunto os primeiros muíños, e debemos descender con moito coidado.

Unha vez pasemos este tramo de gran pendiente, gozaremos da vista tan famosa destes muíños, sen dúbida, a parte da ruta máis fotografiada. Despois, a ruta descende progresivamente ate o aparcadoiro, pasando xunto a varios muíños.

Que ver nos arredores.
Hai moitos lugares de reconocido valor turístico nos arredores. Entre eles, destacan o Castro de Santa Tegra, o Mosteiro de Oia ou a cidade medieval de Tui, así como as vilas de Caminha e Valença do Minho en Portugal.

Pois isto é todo! Espero que esta pequena guía vos sexa útil e que vos guste esta ruta polo menos tanto coma a min. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida, ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.
Marabillosa ruta! Esperamos poder facela nos vindeiros meses (e xa de paso visitar algunha das adegas do Rosal.
Alégrame que vos gustase! E se ademáis complementades a ruta coa visita a unha bodega o plan é perfecto!
Una ruta preciosa la tendremos encuenta.