Viaxe a Marrocos en tren por libre, visitando Casablanca, Rabat, Meknés, Volubilis e Fez.

A VIAXE
Nesta nova entrada, comparto con vós a nosa viaxe a Marrocos usando o tren como medio de transporte principal. Fixémolo catro adultos e un neno de sete anos, e levounos un total de 8 días. Como é habitual neste blogue, ao final poderedes ler unha guía práctica da viaxe con algúns consellos e custe total da viaxe.

CASABLANCA
A nosa viaxe comeza e remata en Casablanca, xa que usamos o voo directo ate o aeroporto Mohammed V de Casablanca desde Porto (Portugal). Nesta cidade estivemos un total de dous días e tres noites, suficientes para visitar o entorno da Praza das Nacións Unidas e o Parque da Liga Árabe, así coma a medina e a impresionante Mesquita de Hassan II.

Casablanca é a cidade máis grande do país, e aínda que moi caótica, ben merece un mínimo de dous días para pasear por todos estes lugares.

RABAT
A pouco máis dunha hora en tren desde Casablanca, en Rabat, capital administrativa de Marrocos, cómpre deterse outro par de xornadas. Tres cousas considero imprescindibles nesta cidade aparte da súa medina e a zona administrativa, en torno á Avenida de Mohammed V.

A primeira é o sitio arqueolóxico de Chellah, unha antiga cidadela con ruinas romanas.

A segunda, o Mausoleo de Mohammed V e a Torre de Hassan. Por último, xa á beira do mar, a Casba (Kasbah), que é a vella cidade fortificada.

MEKNÉS, VOLUBILIS E MULAY IDRÍS
Deixamos a costa para adentrarnos case 200km cara o interior de Marrocos, que en tren son algo menos de tres horas. Decidimos aloxarnos en Meknés para así facer nun día unha visita a Volubilis e Mulay Idrís, e adicar outro para ir a Fez.

Nas ruinas romanas de Volubilis, imprescindibles nunha viaxe polo norte de Marrocos, podemos ver frescos, templos e termas típicos da civilización romana.

Ao carón destas ruínas, está a cidade sagrada de Mulay Idrís, onde recomendo un guía para non perderse por ela.

Despois de visitar Volubilis e Mulay Idrís, xa na cidade de Meknés, non podemos deixar de ver o Mausoleo do Mulay Ismail, así como as portas da cidade, a Praza de El Hedime e, como non, a medina.

FEZ
Fez é outra das cidades imprescindibles de Marrocos. Moito máis chea de turistas que Meknés, encóntrase a uns 60 km dela, e se chega en aproximadamente unha hora tanto en tren como en taxi colectivo.

Aínda que son ben coñecidos a súa medina ou o Palacio Real, o que máis me chamou a atención de Fez son as antigas curtidurías artesanais, aínda en uso. Están na parte alta da medina e, para chegar a un lugar onde poder ter unha boa panorámica delas, é boa idea buscar un guía.

GUÍA PRÁCTICA
Desprazamentos
Para movernos entre as cidades usamos o tren, excepto o traxecto de ida desde Fez a Meknés, que fomos nun taxi colectivo. A experiencia viaxando en tren por Marrocos foi moi boa, xa que son bastante rápidos, cómodos e puntuais.

Entre cidades a outra opción son os taxis colectivos, que poden resultar máis baratos co tren, aínda que hai que ir preparados para unha viaxe onde as normas de circulación son ás veces inexistentes. Para facer unha comparación, ir de Meknés a Fez en taxi colectivo costounos 150 dihams, e a volta en tren 165 dihams.

Para moverse nas cidades o mellor é o grand taxi (ate 6 prazas) ou o petit taxi (máis económicos, ate tres prazas). Sempre se debe tratar o prezo antes de subir ao taxi. Para ir desde o aeroporto de Casablanca á cidade pódese usar o tren ou un taxi. Polo xeral, neste caso recomendo o taxi, xa que custa máis o menos o mesmo, é algo máis rápido, e xa te pode levar directo ao hotel.

Aloxamentos
Hai aloxamentos de todo tipo e custe e Marrocos. Desde hoteis de luxo a Riads (casas tradicionais).

A modo de exemplo, comparto aquí nos que estivemos e o custe total. (para 4 adultos e 1 neno de 7 anos)
- Hotel les Saisons (Casablanca): 1 noite con almorzo 125,41€.
- Hotel Prince de París (Casablanca): 1 noite con almorzo 145€
- Apartamento Stay Here Hassan (Rabat): 2 noites 284€
- Riad Mogador (Meknés): 3 noites con almorzo 336€
- Diwan Casablanca Hotel and Spa (Casablanca): 1 noite con almorzo 95,69€

Comidas
A comida marroquí é unha experiencia máis da viaxe. Aínda que ás veces poden ter demasiadas especias para os que non estamos acostumados, os sabores son espectaculares.

Pratos como talline ou pastilla son imprescindibles probalos. Tamén o couscous (que tradicionalmente se cociña ós venres), as frituras e os doces. Ademais, os prezos son moi baixos, xa que polo xeral as comidas non soen superar os 10€ persoa.
Guías
Nos zocos de algunhas cidades como Fez (para visitar as cutidurías) ou Mulay Idris, convén ir cun guía para non perderse. Nestes lugares, o máis normal é estar sen sinal de GPS debido ás rúas estreitas, polo que o guía pode levarnos dunha forma rápida a onde queremos ir. Ás veces pode facer paradas nalgunhas determinadas tendas onde tentarán vendernos algo, mais con dicirlle de evitar estas compras é suficiente.

Idioma
Aparte do árabe, moitos marroquís falan o francés. O inglés non é un idioma moi común en Marrocos, aínda que polo xeral si se fala nos hoteis e algúns guías.

Gastos
Para facer unha previsión do custe dunha viaxe á Marrocos, comparto aquí algúns gastos, así como o gasto total da viaxe:
Algúns exemplos de gastos: (para 4 adultos e un neno de 7 anos)
- Billetes de tren ida e volta Porto – Casablanca: 1759,99€
- Tarxeta eSIM (Holafly): 35,90€
- Tren aeroporto – Casablanca: 26,56€
- Entradas mezquita Hassan II e museo: 55,95€
- Cafés e tes: 6,45€
- Tren Casablanca – Rabat: 20,11€
- Comida (Kasr al Assil, Rabat): 34,9€
- Tren Rabat – Meknés: 42,69€
- Cea (Gout de Meknés, Meknés): 33,2€
- Grand taxi Meknés:4,74€
- Entradas ruinas de Volubilis:42,69€
- Taxi Meknés – Volubilis – Mulay Idrís – Meknés: 37,95€
- Guía Mulay Idrís: 9,49€
- Billetes Meknés – Casablanca: 55,98€
- Taxi Casablanca – aeroporto: 28,46€
E o gasto total da viaxe, incluíndo todo (billetes de avión, comidas, entradas, desprazamentos, cafés, supermercados,…) para 4 adultos e un neno de 7 anos, en 8 días, foi un total de 3743,64€, que corresponde a 748,73 € persoa.

Así foi a nosa primeira viaxe a Marrocos. E, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida ou se queredes deixar algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.