Col du Lautaret

VIAXE AOS ALPES EN CARAVANA

Diario dunha viaxe desde Galiza aos Alpes en caravana

Si prefieres leer esta entrada en castellano, pincha en este enlace

Despois da viaxe aos Alpes suízos e franceses no verán pasado, este ano decidimos repetir pasar as vacacións nos Alpes, mais desta vez na parte italiana. A viaxe levounos en total de 36 días, onde fixemos 5663 km e, como é habitual, comparto aquí comentando que lugares visitamos, consellos e, finalmente, os gastos totais da viaxe.

Parque Nacional Gran Paradiso (Italia)
Parque Nacional Gran Paradiso (Italia)

Polo interior de Francia

Tendo en conta a saturación turística que hai na costa cantábrica no verán, decidimos ir, ao igual ca outros anos, até Francia con só unha parada nun camping no interior de Cantabria. O noso primeiro destino xa en territorio francés foi na localidade de Urt, á beira do Río Adour, moi preto de Baiona.

Rio Adour
Rio Adour

Aparte dunha ruta en bici pola beira deste río, visitamos tamén a Abadía de Arthous. No seu interior, na Sá do Tesouro, están expostos os cabalos prehistóricos de Duruthy, da época Magdaleniense.

Catedral de Albi
Catedral de Albi

Continuando cara o leste, despois de pasar Toulouse, paramos no cámping de Naucelle, onde xa estivemos o ano pasado na nosa ruta cara Suíza. Desde aquí, pasamos un día enteiro visitando a cidade de Albi, coa súa catedral gótica construída en ladrillo. A catedral é unha auténtica xoia, cun impresionante coro separado cun «jubé» que fai que teña o altar (cunha excepcional representación do xuízo final) no lado oeste, onde xeralmente as igrexas teñen a súa porta principal. Outro imprescindible de Albi é o Museo de Tolouse Lautrec.

Gourges du Tarn
Gourges du Tarn

A nosa seguinte parada no interior de Francia foi en Florac, en pleno Parque Nacional de Cévennes, no Macizo Central francés. Aquí fixemos en coche a ruta polas Gourges du Tarn, así como vimos boitres leonados no Río Junte. Ademais, no mesmo parque nacional realizamos a Ruta dos Menhires e a fervenza de Runes.

Ruta dos Menhires no Parque Nacional de Cevennes
Ruta dos Menhires no Parque Nacional de Cevennes

Os Alpes franceses e Turín

Despois de outra xornada de viaxe cara o leste chegamos por fin aos Alpes. Decidimos parar preto de Gap, para así facer unha ruta de sendeirismo polo Parque Nacional des Écrins. A ruta que sae da aldea de Prapic, non foi moi difícil, e nos leva por fermosos paisaxes alpinos.

Parque Nacional des Écrins
Parque Nacional des Écrins

A seguinte etapa fai xa entrar en Italia, cruzando os Alpes polo Col de Montgenevre, despois de pasar Briançon. Este porto foi toda unha proba de forza para a mecánica ao levar a caravana, mais foi superado sen problema. Despois, paramos tres noites nun cámping nos arredores de Turín para coñecer a cidade.

Pista de Lingotto ou Pista 500
Pista de Lingotto ou Pista 500

Turín é un imprescindible para os que nos gusta o mundo da automoción. Un día enteiro xa nos leva visitar os museos relacionados cos coches: O Museo do Automóbil de Italia, o Centro Histórico Fiat e a Pista de Lingotto (a pista de probas sobre o edificio da antigua fábrica de Fiat). Turín ten, ademáis, un centro histórico que paga a pena visitar, onde tamén está o que din Museo Exipcio máis importante despois do de O Cairo.

Parque Nacional Gran Paradiso (Italia)
Parque Nacional Gran Paradiso (Italia)

O Val de Aosta e o Parque Nacional Gran Paradiso

A nosa seguinte parada foi xa nos Alpes italianos, concretamente no Val de Aosta, no extremo noroeste do país. Aquí estivemos unha semana, na que aproveitamos para facer varias rutas de sendeirismo polos distintos vales dos arredores.

Dentro do Parque Nacional de Gran Paradiso, fixemos tres rutas en tres vales distintos: Cogne, Rhemes e Valsavarenche. As rutas estaban todas moi ben sinalizadas, e percorrían impresionantes paisaxes alpinas onde até puidemos ver e escoitar marmotas.

Skyway Monte Bianco
Skyway Monte Bianco

Tamén aproveitamos para ir até Courmayeur, case na fronteira con Francia, para subir no Skyway Monte Bianco, un teleférico que nos leva até o refuxio de Pointe Helbronner, a 3462m de altitude, con espectaculares vistas ao Mont Blanc e a gran parte do Alpes Occidentais.

O Mont Blanc
O Mont Blanc

A última excursión por esta zona dos Alpes foi unha ruta pola cara norte de val, preto da fronteira con Suíza, en Breuil – Cervinia.

Breuil - Cervinia
Breuil – Cervinia

Saíndo do Val de Aosta, fixemos outra parada dun par de días de novo no mesmo cámping preto da cidade de Turín, para así visitar o Palacio de Venaria Reale (un dos pazos residencia real dos Savoia), así como outra ruta pola cara sur do Parque Nacional Val Paradiso, polo Val de Azaria.

Venaria Reale
Venaria Reale

De volta polo interior de Francia

Despois de case 15 días en Italia, voltamos a Francia subindo de novo polo Col de Montgenevre, aínda que desta vez, tras pasar Briançon, seguimos cara Grenoble polo Col du Lautaret (2058m).

Col du Lautaret
Col du Lautaret

A nosa primeira parada foi na localidade de Vizille, onde xa estivemos o ano pasado, e desde onde este ano fixemos unha excursión até Chamrousse, na alta montaña.

Chamrousse
Chamrousse

Seguindo a cruzar Francia cara o Oeste, chegamos até un cámping preto da aldea de Orcival, coñecida polo seu santuario románico. Aquí, en pleno Macizo Central francés, está a zona volcánica da Auvernia. Paga a pena subir andando até o volcán máis alto, o Puy de Dôme (tamén se pode subir nun tren turístico), desde onde hai espectaculares vistas aos volcáns. Outro volcán interesante é o de Lemptégy. Durante moitos anos foi unha explotación mineira, e hoxe pode visitarse o seu interior cun tren turístico.

Volcáns da Auvernia desde Puy de Dôme
Volcáns da Auvernia desde Puy de Dôme

Tamén recomendo ir dar un paseo a Clermont Ferrand, para ver os edificios de pedra volcánica do seu casco antiguo, así como as catedrais gótica e románica. Ademais, tamén se pode visitar o Museo Michelin, con moitas curiosidades desta coñecida marca de pneumáticos (e guías turísticas e mapas).

Clermont Ferrand
Clermont Ferrand

Despois doutra tanda de quilómetros polo interior francés, chegamos a un sitio no que xa estivemos un par de veces mais non nos importa repetir: Les Eyzies.

La Roque St Christophe
La Roque St Christophe

Aquí, cheo de lugares e covas prehistóricas e de arte rupestre, voltamos visitar o Museo da Prehistoria de Francia, así como a gruta de Bara-bahau e La Roque St Christophe. As paisaxes e as pegadas prehistóricas pagan a pena.

Picos de Europa
Picos de Europa

Unha Parada nos Picos de Europa

Desde Les Eyzies, e despois dunha parada de novo en Urt, decidimos continuar polo Cantábrico até desviarnos a outra zona de montaña: os Picos de Europa. Despois de cruzar o Desfiladero de la Hermida, chegamos ao Val de Camaleño, pasando catro noites nun cámping preto de Potes. Aquí fixemos varias rutas, coma a do Faial das Ilces, a Ruta Bajo Picos e a de El Cable a Fuente Dé polo Refuxio de Áliva.

Fuente Dé (Picos de Europa)
Fuente Dé (Picos de Europa)

Xa preto de Galiza, continuamos de volta á casa facendo unha única parada en Barres, preto de Ribadeo. Con isto remata a nosa viaxe de 36 días e 5663 km até os Alpes. Outra viaxe onde gozamos enormemente da caravana e da natureza.

Cámping en Florac (Francia)
Cámping en Florac (Francia)

Resumo de gastos

O total de gastos incluíndo absolutamente todo (combustible, comida, cámpings, entradas,…) para dous adultos e un neno de 7 anos foi de 3973,91 euros nunha viaxe de 36 días.

Cámping en Vizille (Francia)
Cámping en Vizille (Francia)

Cámpings (prezo por día):

Molino de Cabuérniga (Cabuérniga, Cantabria): 46€

Camping Etche Zahar (Urt, Francia): 30,72€

Camping Le Lac de Bonnefon (Naucelle, Francia): 37,5€

Camping Le Val de Cévennes (Florac, Francia): 29,9€

Camping Domaine Napoleon (Gap, Francia): 33,12€

Camping Bella Torino (Pianezza, Italia): 45,3€

Camping Lazy Bee (Quart, Italia): 48,5€

Camping Bois de Carnage (Vizille, Francia): 41€

Camping de la Haute Sioule (Saint Bonnet pres Orcival, Francia): 36,2€

Camping La Riviere (Les Eyzies, Francia): 25,9€

Camping La Ferme des 4 chenes (Urt, Francia): 55€

Camping La Viorna (Potes, Cantabria): 41€

Camping La Viña (Barres, Asturias): 28€

Alpes franceses
Alpes franceses

Até aquí o diario de viaxe até os Alpes con caravana. Agardo que vos gustase e, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou se queredes deixar algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.

Un comentario sobre “VIAXE AOS ALPES EN CARAVANA”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.