O MELLOR DE IRLANDA

10 cousas imprescindibles de Irlanda que fan deste país un lugar único

paisaxeIRL

Xa levo tempo con ganas de escribir sobre as miñas viaxes a Irlanda, un país que ofrece moito ao viaxeiro e ao que lle teño un cariño especial. E como non sabía por onde empezar, e están tan de moda as listas, decidinme finalmente por publicar unha lista co que para min (e supoño que para moitos namorados de Irlanda) son as dez cousas imprescindibles desta fermosa illa. Espero que a disfrutedes!

Unha Guinness nun pub
Unha Guinness nun pub

1: Os Pubs e a música

Se vas a Irlanda e non entras nun pub a tomarte unha pinta non viches Irlanda. De feito, considero que os pubs son visita obrigada nunha viaxe por este país, xa que é o lugar onde están gran parte dos irlandeses, de todas as edades, no seu tempo libre.

Música en directo nun pub
Música en directo nun pub

Conversan e pasan as horas tomando pintas nestes lugares que encontras por todos os sitios, desde as cidades ate as aldeas máis pequenas.

Pub The Temple Bar, Dublín
Pub The Temple Bar, Dublín

En moitos deles, é habitual a música en directo, outra das particularidades da sociedade irlandesa, onde raro é a familia que non teña un músico. Sen dúbida visita obrigada, e a ser posible buscar un pub que non frecuenten turistas, moito máis auténtico.

Illa Valentia
Illa Valentia

2: A costa atlántica

Toda a costa da illa é fermosa, pero en especial a da parte máis occidental, en contacto co máis salvaxe Océano Atlántico. Nesta costa podemos ver cantís espectaculares como en Glencolumbkille ou os famosos Cliff of Moher, así como praias case salvaxes sen apenas xente.

Glencolumbkille
Glencolumbkille

Personalmente, a min gustoume moito tamén as penínsulas do suroeste (Dingle, Kerry e Beara), un pouco parecidas as rías galegas.

Costa do Suroeste
Península de Beara

Desde elas, podes acceder a illas próximas, como Dursey ou as coñecidas Skellig, antiguamente habitadas por monxes. Tamén son imprescindibles as paradiñas nos pobos costeiros, para pasear e para tomarse unha pinta nun pub.

Dolmen de Proleek
Dolmen de Proleek

3: Os restos megalíticos e a cultura celta

Podemos ver un gran número de restos megalíticos por todo o país. Dolmens, menhires, petróglifos, ou túmulos tan coñecidos como Hill of Tara ou o famoso Newgrange, este último Patrimonio da Humanidade.

Hill of Tara
Hill of Tara

De feito, un dos mellores lugares onde ver a cultura megalítica é no Newgrange, que forma parte do Conxunto Arqueolóxico do Val do Boyne.

Entrada ao túmulo de Newgrange
Petróglifos á entrada ao túmulo de Newgrange

Coa entrada ao recinto, que inclúe visita guiada, podemos acceder ao interior do túmulo de Newgrange, que está deseñada de tal forma que no solsticio de inverno, o sol ilumina o chan do seu interior durante uns minutos.

Cruz celta en Monasterboice
Cruz celta en Monasterboice

Pero Irlanda é coñecido sobre todo pola súa cultura celta. Porque este país, que non foi colonizado polo Imperio Romano, o cristianismo misturouse fortemente coa cultura celta. E non temos pegadas destes antepasados só na música ou na forma de ser dos seus descendentes, moi común a outras rexións do oeste de Europa, senón tamén en restos arqueolóxicos de gran importancia. Un deles son as famosas Cruces Celtas, que combina os deseños da cultura celta pagana con escenas da biblia. Un dos mellores lugares onde ver as cruces celtas é en Monasterboice, onde temos a maís grande do país.

Torre circular e ruinas do Mosteiro de Kilmacduagh
Torre circular e ruinas do Mosteiro de Kilmacduagh

4: Os recintos monasteriais e torres circulares

Irlanda está cheo de ruinas de antigos recintos monasteriais e torres circulares. Os primeiros son antigos edificios relixiosos, arrasados por ataques dos vikingos e dos ingleses. Os segundos, son torres dunha considerable altura cunha función ainda hoxe non moi coñecida, xa que podería ser utilizada como vixía ou como refuxio da poboación en caso de guerra.

Glendalough
Glendalough

Hai moitos por todo o país, moitos deles están aínda hoxe en día dentro de cementerios en uso. Un dos máis coñecidos é o de Glendalough, que está situado ademáis nunha fermosa zona montañosa (Montañas de Wicklow), ao carón de dous lagos.

O Río Liffey en Dublín
O Río Liffey en Dublín

5: Dublín

Dublín soe ser a porta de entrada da maior parte dos viaxeiros que chegan a Irlanda, e unha boa cidade onde pasar polo menos tres días de visita con calma. De feito, non faltan cousas que facer. Sempre acompañado do tranquilo ritmo de vida dos dublineses, podemos dedicar o tempo a pasear polas orillas do Río Liffey e polos barrios de Temple Bar ou Grafton e O’Connell Street.

O'Connell Street
O’Connell Street

Se o que queremos é facer unha visita cultural, é imprescindible entrar no Trinity College para admirar o Libro de Kells e a impresionante biblioteca (con entrada a metade de prezo na última media hora antes de peche).

Trinity College
Trinity College

Outros lugares de interese son tamén o Concello e o Castelo, onde ao seu redor podemos ver onde se atopaban os restos da antiga cidade vikinga.

Castelo de Dublín
Castelo de Dublín

Ainda que non están no centro da cidade, senón un pouco ás aforas (ainda así, pódese ir andando se nos gusta pasear), outras boas visitas son a fábrica da Guinness (Guinness Storehouse), a antiga destilería Jamerson e a cárcere de Kilmainham.

Catedral de Dublín
Catedral de San Patricio de Dublín

Para acabar o día, xa que estamos en Irlanda, non hai como tomarse unhas pintas. Para elo, recomendo calquera pub lonxe dos turistas. Despois, se queremos prolongar un pouco a noite, na zona do Temple Bar temos moitos locais onde seguir tomando pintas ate ben tarde.

Paisaxe de turbeiras en Wicklow
Paisaxe de turbeiras en Wicklow

6: As turbeiras

A turba é a fonte de enerxía natural de Irlanda. De feito, aínda hoxe se segue utilizando para dar calor nos fogares. Se percorremos o interior do país, podemos ver como se explota este chan en pleno século XXI. E que é a turba? Pois non é mais que chan moi rico en materia orgánica que, unha vez seco, é un excelente combustible. Ademáis, este chan é moi común neste país, xa que a falta de sol e as frecuentes choivas non favorecen en absoluto a descomposición, polo que se vai acumulando abundante materia orgánica.

Aproveitamento de turbeiras
Aproveitamento de turbeiras

Para min, unha das particularidades de Irlanda está no olor da turba cando se queima dentro dos fogares no rural. Sen dúbida un olor ben característico deste país.

Tomando unha Guinness nun pub escoitando música en directo
Tomando unha Guinness nun pub escoitando música en directo

7: A Guinness

A Guinness non é só unha cervexa. É tamén todo un símbolo da cultura irlandesa. En todos os pubs de Irlanda sírvese esta cervexa continuamente, moi demandada polos locais e os turistas.

A auga da Guinness provén das Montañas de Wicklow
A auga da Guinness provén das Montañas de Wicklow

É unha cervexa negra cun sabor moi característico, que ainda que tamén se pode beber en calqueira parte do mundo, hai quen dí que non saben igual que as de Irlanda (e eu concordo con iso).

Tomando unha Guinness no Gravity Bar da Guinness Storehouse de Dublín
Tomando unha Guinness no Gravity Bar da Guinness Storehouse de Dublín

En Dublín podemos visitar a Guinness Storehouse, que é unha especie de museo e centro interpretativo desta cervexa. O prezo da entrada (16€), inclúe tamén unha pequena demostración de cómo catar a cervexa e unha pinta no Gravity Bar da última planta, con vistas á cidade.

Mural no barrio católico de Belfast
Mural no barrio católico de Belfast

8: O Ulster

O Ulster é unha zona da Illa de Irlanda que se encontra baixo administración do Reino Unido. Durante os últimos anos do século XX eran frecuentes os atentados e outras formas de violencia nesta rexión, debido á difícil convivencia dos católicos pro-irlandeses cos protestantes pro-ingleses. Na actualidade a situación é moi tranquila, debido aos procesos de paz dos últimos anos, pero ainda podemos ver pegadas deste conflicto nalgúns lugares.

Barrio protestante en Belfast
Barrio protestante en Belfast

Así por exemplo, en Belfast visitamos o barrio republicano na Falls Road, onde vemos os famosos murais reinvidicativos que fan esquina coa Northumberland Street. A pouca distancia, cruzando a Townsend Street, chegamos ao barrio republicano de Shankill Road, repleto de bandeiras do Reino Unido e diversos murais do bando protestante.

Entrando no Derry libre
Entrando no Derry libre

Outro lugar tristemente famoso por este conflicto é a cidade de Derry. Aquí aconteceu o coñecido Domingo Sanguento o 30 de xaneiro de 1972, onde o exército británico disparou contra manifestantes irlandeses matando a 14 persoas. Na actualidade podemos ver os restos do muro da casa que delimitaba o barrio católico e enormes murais alusivos a ese día nos edificios próximos.

Calzada do Xigante
Calzada do Xigante

Pero non todo é conflicto no Ulster. Tamén se poden visitar auténticas marabillas naturais como a coñecidísima Calzada do Xigante, unha formación xeolóxica composta por miles de columnas de basalto que forman unha paisaxe moi singular, motivo polo que foi declarada Patrimonio da Humanidade.

Paisaxe das Illas Arán
Paisaxe das Illas Arán

9: As Illas de Arán

As Illas de Arán son outro símbolo da cultura irlandesa, e todo un exemplo da adaptación do home aos medios máis extremos. Situadas na brava costa occidental, e sometida de forma case constante aos fortes ventos e choiva; son unhas illas onde o home tenta de vivir do que pode pescar no mar, complementado por unha agricultura extremadamente difícil, debido á escasede de solo polo cultivo intensivo dos últimos séculos.

Solo esquilmado polo uso nas Illas de Arán
Solo esquilmado polo uso nas Illas de Arán

Recomendo polo menos visitar unha das illas e, se o tempo o permite, alugar unhas bicicletas para disfrutar da paisaxe e natureza deste lugar.

Cobh
Cobh

10: A xente

Sen dúbida son os irlandeses os que fan que Irlanda sexa un dos meus países favoritos. Durante o tempo que pasei neste país, nunca faltou axuda xa fose para seguir unha dirección ou para buscar aloxamento. E mesmo non faltou algunha invitación a unha ronda nun pub. Está claro que o ritmo de vida e a forma de socializarse dos irlandeses fan que sexa un complemento perfecto para visitar as marabillas naturais e históricas do país.

Preto de Hill of Tara
Preto de Hill of Tara

Pois ate aquí o que eu considero os 10 imprescindibles de Irlanda. Se queredes engadir outros lugares para vos imprescindibles ou, como é habitual este blog, tendes algunha dúbida, ou queredes comentar ou compartir algunha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.

 

Entradas relacionadas:

Guía práctica para viaxar polo Reino Unido e Irlanda

– Viaxe a Escocia e Irlanda en coche

Os pubs de Irlanda

Conducir polo Reino Unido e Irlanda

2 pensamientos sobre “O MELLOR DE IRLANDA”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *