“Viagem a Portugal”: Porto e Barcelos

Un percorrido por Porto e Barcelos utilizando como guía o libro “Viagem a Portugal” de José Saramago.

Vista nocturna de Porto dende Vila Nova de Gaia
Vista nocturna de Porto dende Vila Nova de Gaia

Xa coñecía os lugares máis emblemáticos de Porto, pero tras ler o libro “Viagem a Portugal” do escritor portugués José Saramago (Premio Nobel de Literatura en 1998) decidín volver, aínda que desta vez utilizando este libro como única guía. En “Viajem a Portugal” Saramago relata un percorrido que realiza por todas as rexións continentais do seu país facéndose pasar pola figura de “o viajante” (e xa que logo, en terceira persoa), contándonos coa súa excepcional forma de redactar o que máis lle chama a atención da súa viaxe.

“Junta com o rio que chaman Doiro..”
Así titula Saramago a parte do libro dedicada a Porto e, como a maior parte dos turistas (entre os que me inclúo), o viaxante comeza a visita á cidade xunto a Sé, é dicir, a catedral.

A Sé
A Sé

Neste punto o viaxante decide o que pode visitar de Porto trazando un círculo imaxinario con centro na praza da Sé, aínda que “provavelmente virá a infringir esta primeira regra”, prestando atención ao “antigo e pintoresco” e desprezando “o moderno e banal”.

Desde a praza de Sé o viaxante descende en dirección ao río polas Escadas das Verdades, hoxe uns dos lugares máis abandonados e míseros de Porto, ata chegar ao mesmo barrio da Ribeira.

Barrio da Ribeira
Barrio da Ribeira

O barrio da Ribeira está aos pés da beira norte do Río Douro. É un dos meus lugares favoritos desta cidade. Chea de bares e restaurantes é ademais ideal para pasear gozando da vista a un lado, das casas mellor conservadas de Porto,e ao outro,das adegas de Vila Nova de Gaia.

A Ribeira
A Ribeira

Aínda que “o viajante está decidido a não andar de igreja em igreja como se de tal dependesse a salvaçom da sua alma” decide visitar algunhas das tantas que hai nesta cidade. Empeza pola fermosa igrexa barroca de San Francisco, xusto á beira do Pazo da Bolsa, outra das visitas obrigadas de Porto, a poucos pasos da Ribeira

Igrexa de San Francisco
Igrexa de San Francisco

Desde a entrada do Pazo da Bolsa, e tras pedir un mapa na oficina de turismo que está xusto enfronte, ascendo cara á parte alta da cidade zigzagueando polas súas rúas entre edificios con ese estilo decadente que lle dá tanta personalidade a esta cidade. Aínda que unha gran cantidade destes edificios estean ao bordo da ruína, hai moitas familias vivindo neles, algo non moi común no centro de moitas cidades europeas. Nas súas rúas, cheas de fachadas con roupa tendida, vese xente que se saúda e coñécese.

Igrexa de Carmelitas e do Carmo
Igrexa de Carmelitas e do Carmo

Subindo pola Rua das Taipas o viaxante diríxese cara á igrexa dos Carmelitas e a do Carmo. Comparando a estas dúas veciñas polo exterior “face a face, ganha o Carmo”. Pola contra, no interior “o viajante está com os Carmelitas. É uma igreja que faz quanto pode pela fé, enquanto o Carmo faz obviamente de mais”. Como é lóxico, entrei en ambas para comparalas, aínda que o que máis me chamou a atención de ambas é a gran cantidade de fieis rezando nelas.

Livraría Lello e Irmão
Livraría Lello e Irmão

De camiño á Rua Clérigos, para completar a volta ao centro histórico de Porto, fago unha parada na impresionante Livraría Lello e Irmão, onde hai máis turistas que clientes. Sen dúbida, ver un dos lugares onde se rodou a película de Harry Potter ten máis interese que visitar moitos museos.

Torre de Clérigos
Torre de Clérigos

Ao saír da Livraría Lello e Irmão, chama a atención a Igrexa e Torre de Clérigos, outra das formidables obras que o arquitecto barroco Nicolau Nasoni realizou nesta cidade. O viaxante non considera xusto o pór o nome deste arquitecto nunha esquina dunha rúa “que tão depressa começa logo acaba”. Aínda que a min paréceme moito máis inxusto que, segundo leo na wikipedia: O 13 de xullo de 2010, a maioría dos concelleiros de centro-dereita do equipo de goberno do Concello da cidade do Porto votaron en contra da proposta para pór o nome do escritor José Saramago a unha rúa da cidade. Está claro que políticos ignorantes hainos en todas partes.

Estación de São Bento
Estación de São Bento

Como o percorrido por Porto do viaxante fáiseme curto, decido cruzar o Río Douro cara a Vila Nova de Gaia, non sen antes entrar outra vez na Estación de São Bento para contemplar os seus famosos azulexos sobre a historia de Portugal.

Porto e a súa Ponte de Luiz I dende Vila Nova de Gaia
Porto e a súa Ponte de Luiz I dende Vila Nova de Gaia

Cruzando a Ponte de Luiz I pola súa parte máis alta, chego á Vila Nova de Gaia. Desde o Mosteiro da Serra do Pilar, as vistas de Porto son magníficas. Descendo cara á beira do Douro e intento visitar o interior dalgunha das adegas para degustar o famoso viño de oporto. Como xa é tarde, e as adegas están pechadas, téñome que conformar con probalo nun bar.

Fonte do Pássaro
Fonte do Pássaro

Acabo o percorrido, igual que o viaxante, na Sé. Alí chama a atención do viaxante o Chafariz da Rua Escura, que segundo oíu dicir coñécese como a Fonte do Pássaro. No alto hai unha especie de pelícano “em atitude de arrancar a própia carne do peito”. Baixo o pelícano hai un orificio onde antigamente saía auga e parecía que lle daba de beber a “os três filhos do pelícano” que están máis abaixo. Complétase o conxunto con dúas figuras de muller con “expressão ameaçadora” a ambos os dous lados do pelícano. Aínda que, segundo o viaxante, “o conjunto é uma ruína”, será o último que visitará de Porto na súa partida, xa que mirando ás “iradas mulheres” desa fonte, “saberá que há ali um segredo que ninguém lhe vem explicar”, e iso será o que se levará de Porto.

Barcelos

Saio de Porto e diríxome a Barcelos, que está a menos de 70 quilómetros ao norte. É domingo, e parece ser que o día do seu famoso mercado é o xoves, pero de todos os xeitos hai algún posto no Campo da Feira, e en moitos deles podo ver numerosas réplicas do Galo de Barcelos.

Barcelos
Barcelos

“Esta é a terra do galo milagroso que depois de assado cantou e veio a ter descendência, tanta que, se ainda não chegou ao milhão, pouco lhe há-de faltar”. E razón non lle falta, xa que aparte dos galos do mercado, por toda a cidade de Barcelos pódense ver réplicas do mesmo. O viaxante conta no libro a lenda do galo de Barcelos, na cal cóntase que se cometeu un crime nesta cidade xusto cando por alí pasaba un galego de camiño a Compostela. Os habitantes de Barcelos acusaron ao galego do crime, polo que foi xulgado e condenado a morrer na forca, pero este, convencido da súa inocencia, pediu ir xunto ao xuíz, que nese momento estábase comendo un galo asado. O condenado díxolle que estaba tan seguro da súa inocencia como de que aquel galo cantaría cando o aforcasen. E así ocorreu, e xusto no momento que estaba sendo aforcado, o galo levantouse e soltou un profundo quiquiriquí. Completouse o milagre grazas a un nó da forca mal feito, polo que o galego salvouse e foi posto en liberdade.

Museo Arqueolóxico
Museo Arqueolóxico

Seguindo os consellos do viaxante achégome ao Museo Arqueolóxico, onde o primeiro que me chama a atención é que sexa un museo ao aire libre. Alí está o Cruzeiro do Senhor do Galo que, segundo conta a lenda, foi esculpido polo mesmo galego uns anos máis tarde de salvarse de morrer aforcado.E como non podía ser menos, nel pódese ver representado o galo e o aforcado.

Cruzeiro do Senhor do Galo
Cruzeiro do Senhor do Galo

Dando unha volta polo Museo Arqueolóxico o viaxante escandalízase coa forma de identificar as pezas que alí se expoñen, xa que utilizan azulexos incrustados nas mesmas. Pregúntase como sería ” a Vénus de Milo marcada assím na coxa roliça”. Razón non lle falta.

Azulexos cravados nas pezas do Museo Arqueolóxico
Azulexos cravados nas pezas do Museo Arqueolóxico

Igual que ao viaxante, “vendo a água correr” sentín sede, e “lembrando-se do galo” sentín fame. Para comer, o viaxante recomenda no libro o Restaurante Arantes, onde aparte dun excelente bacallau, degusta unhas gachas de sarrabulho que segundo nos conta “nunca outro melhor manjar comeu nem espera vir a comer”. Como é lóxico, busco o Restaurante Arantes por todo Barcelos, pero o atopo pechado. Será pola crise ou por ser tempada baixa. Ou porque o libro que levo como guía se escribiu a principios dos 80. De todos os xeitos, síntome decepcionado por non probar o bacallau do Restaurante Arantes e máis aínda por seguir sen saber o que son as gachas de sarrabulho. De todos os xeitos non me penso ir de Barcelos sen comer o bacallau e cumpro a miña promesa noutro restaurante, onde me esquezo de preguntar que son as gachas de sarrabulho.

Fin.

Para máis información, podes deixar un comentario ou escribir a cabonorte2009@hotmail.es

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *