Ruta en coche pola Ribeira Sacra

Unha ruta en coche ou moto polo mellor da Ribeira Sacra

Canón do Sil, Ribeira Sacra
Canón do Sil, Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra é un dos lugares máis completos desde o punto de vista turístico. Por un lado, pola súa paisaxe, con excelentes miradoiros sobre os ríos Miño e Sil. Por outro lado, polo seu valor histórico, con importantes igrexas románicas e mosteiros (de aí o nome de Ribeira Sacra), así coma de pisadas romanas.

Cabo do Mundo, Ribeira Sacra
Cabo do Mundo, Ribeira Sacra

Por último, reúne moitas actividades que fará imposible aburrirse como poden ser rutas de sendeirismo, btt ou turismo enolóxico, ao ser a Ribeira Sacra tamén unha denominación de orixe vinícola. A mellor forma de percorrer a Ribeira Sacra é en vehículo particular (coche, moto,…), xa que permite achegarse a moitos rincóns aos que non se pode acceder en transporte público.

A Ribeira Sacra está no corazón de Galiza. Fonte: Google Maps

Nesta nova entrada, comparto con vós unha ruta para explorar os lugares máis importantes da Ribeira Sacra, un percorrido que pode realizarse entre tres e catro días como mínimo, se queremos ver todo con calma.

A ruta proposta pola Ribeira Sacra. Fonte: Google Maps

De Monforte de Lemos a Chantada

Monforte de Lemos – Pazo de Tor – Miradoiro do Cabo do Mundo – Santo Estevo – Chantada (59 km)

Ruta de Monforte de Lemos a Chantada. Fonte: Google Maps

Monforte de Lemos é o mellor lugar para comezar a ruta pola Ribeira Sacra, xa que conta con bos recursos turísticos. No máis alto da vila, ben visible desde moitos quilómetros, temos a Torre da Homenaxe e o Mosteiro de San Vicente, hoxe Parador de Turismo.

Torre de Monforte de Lemos
Torre de Monforte de Lemos

Se baixamos polo barrio medieval, chegamos ao corazón da vila, de camiño ao colexio de estilo herreriano coñecido como os Escolapios. En Monforte está, ademáis, o Centro do Viño da Ribeira Sacra.

Os Escolapios, Monforte de Lemos
Os Escolapios, Monforte de Lemos

Saindo de Monforte cara o oeste chegamos ao Pazo de Tor. No seu interior temos un interesante museo de visita gratuita, que nos mostra a vida dun pazo galego.

Pazo de Tor
Pazo de Tor

Se continuamos en dirección oeste polo corredor CG 2.1 ate preto da localidade de Escairón, e seguimos pola LU-P-4102 e despois pola LU-P-5819, veremos un dos lugares máis coñecidos da Ribeira Sacra: O Cabo do Mundo. No lugar de Cuñas, ao carón do Bodega Abadía da Cova, está un dos mellores miradoiros deste lugar, xa que noutros situados en lugares máis altos, hai árbores que impiden gozar das vistas.

Cabo do Mundo
Cabo do Mundo

Se continuamos pola LU-P-5819 descenderemos ate a beira do Río Miño, e pasaremos ao carón da Praia da Coba, para voltar ao corredor CG 2,1 tras uns quilómetros, onde nos desviaremos ate a fermosa igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño.

Pórtico de Santo Estevo de Ribas de Miño
Pórtico de Santo Estevo de Ribas de Miño

A ruta nos leva despois de novo polo corredor ate a vila de Chantada onde, tras cruzar o Río Miño, podemos gozar de boas vistas sobre os viñedos.

Vides preto de Chantada
Vides preto de Chantada

De Chantada ao Mosteiro de Ribas de sil

Chantada – Os Peares – Luintra – San Pedro de Rocas – Santo Estevo de Ribas do Sil (76 km)

Ruta desde Chantada ao Mosteiro de Ribas de Sil. Fonte: Google Maps

Saímos de Chantada pola N-540 ate A Barrela, onde xiraremos á esquerda pola estreita estrada LU-P-1001 ate Os Peares. O curioso pobo de Os Peares, que pertence a catro concellos de dúas provincias distintas, é coñecido sobre todo por ser onde se xuntan o Río Miño e o Río Sil.

Os Peares, Ribeira Sacra
Os Peares

Tras cruzar os ríos cambiamos de provincia, e tras uns poucos metros pola N-120 en dirección a Ourense, tomamos a estrada OU-0555 cara Luintra, terra de afiadores. Desde este lugar, recomendo continuar cara o antiquísimo Mosteiro de San Pedro de Rocas, onde chaman a atención os sepulcros antropomorfos cavados na rocha.

Mosteiro de San Pedro de Rocas
Mosteiro de San Pedro de Rocas

Rematamos o percorrido no Mosteiro de Ribas de Sil, hoxe convertido en Parador de Turismo, situado nun fermoso lugar rodeado de vexetación autóctona.

Claustro do Mosteiro de Ribas de Sil
Claustro do Mosteiro de Ribas de Sil

Do Mosteiro de Ribas de Sil a Castro Caldelas

Santo Estevo de Ribas de Sil – Miradoiros da beira Sur – Balcóns de Madrid – Canón do Río Mao – Castro Caldelas (52 km)

Do Mosteiro de Ribas do Sil a Castro Caldelas. Fuente: Google Maps

A estrada OU-0508 lévanos desde Santo Estevo de Ribas de Sil ate Parada de Sil entre montes de castiñeiros e miradoiros como o de Cabezoás, que farán deste tramo un dos máis fermosos da Ribeira Sacra.

Canón do Sil, Ribeira Sacra
Canón do Sil, Ribeira Sacra

En Parada de Sil, desviarémonos cara a Igrexa románica de Santa Cristina e cara o Miradoiro dos Balcóns de Madrid, visitas imprescindibles neste lugar.

Igrexa de Santa Cristina, en Parada de Sil
Igrexa de Santa Cristina, en Parada de Sil

Seguimos despois pola OU-0605 en dirección a Castro Caldelas, unha fermosa vila medieval cun casco histórico moi ben conservado e un castelo. Pero antes, faremos unha pequena ruta a pé polas pasarelas de madeira que nos levan cara o interior do Canón do Río Mao, que comeza no Albergue da Fábrica da Luz, preto da aldea de Barxacova.

Pasarela polo Canón do Río Mao
Pasarela polo Canón do Río Mao

De Castro Caldelas a Monforte de Lemos por Sober

Castro Caldelas – Miradoiro de Matacás – Doade – Miradoiros da beira norte – Os Chancís – Sober – Ferreira de Pantón – Monforte de Lemos (79 km)

De Castro Caldelas a Monforte de Lemos. Fonte: Google Maps

Saímos de Castro Caldelas pola LU-903 en dirección Monforte de Lemos e, á altura do lugar de O Pombar, xiraremos á dereita ate o Miradoiro de Matacás, con boas vistas sobre o Canón do Sil.

Miradoiro de Matacás
Miradoiro de Matacás

Se voltamos á estrada LU-903, cruzaremos o Rio Sil e, se temos tempo (recomendable reservar en tempada alta), podemos subirnos a un catamarán no embarcadoiro de Doade para coñecer o Canón do Sil desde o río. Despois subiremos pola LU-903 ate Doade, con varios miradoiros ao seu redor como o do Duque ou o da Pena do Castelo.

Miradoiro de Pena do Castelo
Miradoiro de Pena do Castelo

Nesta zona temos, ademáis, moitas adegas onde probar os bos viños da DOP Ribeira Sacra. En Doade, tomamos a estrada LU-P-5903 en dirección a Sober, deténdonos en fermosos miradoiros que están ben sinalizados. O de Santiorxo e o de Cividade son os máis coñecidos.

Miradoiro de Santiorxo
Miradoiro de Santiorxo

Tamén podemos ir ate Os Chancís, onde existe outro embarcadoiro e un miradoiro, así como o fermoso lugar coñecido como os Muíños do Río Xábriga.

Muiños do Xábrega
Muiños do Xábrega

Tras pasar a localidade de Sober, a nosa seguinte parada antes de voltar a Monforte de Lemos é Ferreira de Pantón, para visitar o Mosteiro Cisterciense do Divino Salvador.

Miradoiro do Duque, Ribeira Sacra
Miradoiro do Duque, Ribeira Sacra

Outros lugares da Ribeira Sacra

Incluir todos os lugares de interese da Ribeira Sacra nesta entrada é, sen dúbida, imposible, tendo en conta o seu alto valor turístico.

Igrexa - fortaleza de Portomarín
Igrexa – fortaleza de Portomarín

De todos os xeitos, a visita da Ribeira Sacra pode complementarse con outros sitios ben interesantes como a Igrexa – fortaleza de Portomarín ou a antiga mina de ouro romana de Montefurado, onde os romanos desviaron o curso do Río Sil.

Montefurado
Montefurado

Moi preto de Monforte está o Concello de Pobra do Brollón, con fermosas aldeas como Salcedo, que é famosa polo seu curioso entroido do Oso de Salcedo.

oso de salcedo, salcedo, pobra de brollón, entroido
O Oso de Salcedo e os seus criados

Xa fóra da Ribeira Sacra, tamén temos preto outros lugares interesantes coma a cidade de Ourense, o Parque Natural do Invernadoiro (coa Estación de Cabeza de Manzaneda) ou a fermosísima Serra do Courel.

Miradoiro de Matacás, Ribeira Sacra
Miradoiro de Matacás, Ribeira Sacra

Pois ate aquí a miña ruta proposta pola Ribeira Sacra. E, coma é habitual nesta páxina, se tedes algunha dúbida, ou queredes aportar o voso lugar que considerades imprescindible nunha visita á Ribeira Sacra, non dubidedes en poñer un comentario.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *