O ENTROIDO DO OSO DE SALCEDO

Guía para visitar un dos entroidos máis orixinais da nosa terra

oso de salcedo, salcedo, pobra de brollón, entroido
O Oso e os seus criados

En que consiste o Entroido do Oso de Salcedo?

O entroido da aldea de Salcedo, situado no Concello de Pobra do Brollón (Lugo), é sen dúbida un dos máis orixinais da Galiza. Non ten nada que ver cos entroidos que estamos acostumados a ver por aquí, aínda que si os hai similares en lugares tan lonxanos como nos Alpes, Romanía ou mesmo no Xapón.

salcedo
Localización de Salcedo na Galiza
salcedo
Salcedo pertence a Pobra do Brollón, moi preto de Monforte de Lemos

Consiste na representación dun oso, que percorre as rúas de Salcedo manchando aos veciños (e visitantes) con auga misturada con cinza. Tanto ten que tentemos fuxir do oso; se ve que non estamos manchados, el e os seus criados farán todo o posible para capturarnos, e mancharnos con esa auga con cinza.

oso de salcedo, salcedo, pobra de brollon, entroido
O oso preparado para mancharnos coa cinza

Que representa?

Segundo parece, esta chegada do oso á aldea representa o final do inverno e o inicio da primavera, ao despertar o animal do seu período de invernación.

oso de salcedo, salcedo, pobra de brollon, entroido
Tamén temos un oso máis pequeno con seus criados

Cando ten lugar?

O entroido do oso de Salcedo celébrase o luns de entroido. Sobre as 5 da tarde, o oso aparece pola parte alta da aldea, e comeza a percorrer as rúas cun balde de auga con cinza e rodeado dos seus criados.

salcedo, oso de salcedo, entroido
O oso e unha das súas capturas

Hai moita xente?

Parece ser que cada ano ten máis público disposto a ser manchado polo oso. De todos os xeitos, malia que hai bastantes veciños e curiosos, non deixa de ser unha festa ben animada e para nada agobiante.

salcedo, entroido, oso de salcedo
Tanto ten que tentes fuxir: os criados sempre te collerán

Temos que ir disfrazados?

Podemos ir disfrazados ou non, como máis nos guste. Mais o que si debemos ter en conta é que nos imos manchar. Así que deixemos as nosas mellores galas na casa.

Cómo chegar?

Chegar a Salcedo é ben doado. Encóntrase a só 16 km da vila de Monforte, desde a que se pode ir pola LU-933 ou pola N-120, e seguir pola LU-P-4710 ate Salcedo. Se vimos desde Lugo non temos máis que seguir a LU-652 ate o lugar de A Estación, onde continuaremos tamén pola LU-P-4710 ate mesmo a aldea de Salcedo.

salcedo
Como chegar a Salcedo desde Monforte

Espero que vos sexa útil esta guía para visitar o fermoso entroido do Oso de Salcedo. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en poñer un comentario.

3 comentarios sobre “O ENTROIDO DO OSO DE SALCEDO”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.