A miña experiencia despois de 5000km coa bicicleta eléctrica Specialized Tero 4.

Si prefieres leer esta entrada en castellano pincha en este enlace
Moitas da rutas que comparto desde hai anos neste blogue son en bicicleta. Ainda que a maioría delas son feitas con bicicletas convencionais, desde hai dous anos tamén utilizo a maiores a bicicleta eléctrica Specialized Turbo Tero 4.0. Explico aquí como foi a experiencia.

A Specialized Tero 4.
A denominación comercial desta e-bike é Specialized Turbo Tero 4.0, que é unha bicicleta eléctrica de 70Nm de par e 250W de potencia nominal, cunha batería de 710Wh e cambio SRAM NX de 11 velocidades.

Accesorios
No momento de compra, instaleille un transportín Tubus Cosmo, que pode levar ate 35 kg. Ao mesmo, engadinlle unha cadeira Thule Yeep para nenos, tamén para ese peso.

Aínda que todo este equipamento ten un prezo elevado (275.35€), é moi útil para facer rutas longas levando o meu fillo.

Tamén lle engadín outros accesorios máis comúns: portabebidas, bombín, alforxas para ferramenta, luces, para de cabra e espello retrovisor.

A specialized Tero 4 no día a día
Utilizo a bicicleta na cidade, en carretera e, sobre todo, un uso todo terreo no monte. No medio urbano e estrada desenvólvese bastante ben, aínda que se nota ben que non foi deseñada para este medio. O problema do peso e dos pneumáticos, pensados para monte, o soluciona ben coa potencia do seu motor.

Mais onde mellor se comporta é, como non, no monte. Fago moitas rutas de montaña, xeralmente con moito desnivel, e ate o de agora nunca me falta potencia. Os pneumáticos de tacos van ben na lama e pedras, e tanto a suspensión coma os freos son máis que suficientes. Aínda nas rutas máis difíciles, co meu peso (80 kg) mais o do meu fillo (case 30 kg), a bicicleta ten moita forza nos ascensos, e os freos e suspensión fan ben o seu traballo.

A autonomía
Se falamos dunha bicicleta eléctrica a autonomía é fundamental. No caso da Specialized Tero 4 teño que dicir que está ao nivel do que esperaba. Aínda que nunca cheguei a facer 100km, si que andiven preto (o máximo foron uns 90km). O máis habitual co meu uso, tendo en conta que fago rutas bastante intensas por monte, ás veces con case 30 kg atrás, é que ande entre uns 60 – 75 km de media. De momento, despois de 5000km, non vexo que a batería se viciase nin que lle afecte en exceso as baixas temperaturas.

Desgastes, roturas e avarías
Nestes 2 anos e 5000km tiven que facer os seguintes cambios por desgaste:
- Varias pastillas dianteiras e traseiras: Debido á intensidade das rutas e o peso, cambiei en varias ocasións as pastillas de freo dianteiras e traseiras.
- Dúas cadeas.
- Un pneumático traseiro aos 4500km
- Os puños do manillar tamén aos 4500km
Ademáis, tiven que reparar, por rotura, o disco de freo traseiro (deformouse cunha pola) e un radio da roda traseira.


Tamén ten unha pequena rotura no plástico do botón onde se regula a potencia e outra pequena rotura no tapizado do sillín. Ate o día de hoxe, non tivo ningunha avaría.

Conclusión
Nestes 5000km a Specialized Turbo Tero 4.0 cumpliu ben as espectativas que tiña posto nela. Ten potencia suficiente para as miñas rutas, mesmo levando o meu fillo detrás. De momento ten boa autonomía.

Apenas tiven que facer gastos extra nela no seu mantemento, a excepción de varios xogos de pastillas de freo, que penso están xustificados pola dificultade das rutas que fago. Polo tanto, penso que, polo momento, foi unha boa compra.

E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou queredes partillar algunha cousa ou consello máis desta bicicleta, non dubidedes en escribir un comentario.
Un comentario sobre “SPECIALIZED TERO 4: Review despois de 5000km”