Archivo de la etiqueta: Fervenza de A Toxa

A FERVENZA DA TOXA E O MOSTEIRO DE CARBOEIRO

Guía da visita á Fervenza da Toxa e ao Mosteiro de Carboeiro

Fervenza de A Toxa
Fervenza da Toxa

A Fervenza da Toxa e o Mosteiro de Carboeiro son dous grandes atractivos turísticos do Concello de Silleda. Situados un do outro a pouco máis que 6 quilómetros, son dous destinos que ben merecen unha visita.

Portada Oeste do Mosteiro de Carboeiro
Portada Oeste do Mosteiro de Carboeiro

Se empezamos pola Fervenza, a mellor forma de chegar até ela é desde Bandeira, seguindo a estrada PO-204 en dirección Merza – Vila de Cruces. Ao pouco de pasar Bandeira, xa a veremos indicada, e non hai máis que virar á dereita e seguir as indicacións.

Aparcamento para visitar a Fervenza da Toxa
Aparcamento para visitar a Fervenza da Toxa

Chegaremos a un amplo aparcamento onde deixaremos o noso vehículo, e despois continuaremos andando por unha ruta perfectamente sinalizada.

Aquí empeza a ruta camiñando
Aquí empeza a ruta camiñando

A ruta a pé é duns dous quilómetros, ainda que ten bastante pendente. Penso que non é difícil para unha persona cun mínimo de forma física.

O camiño ten bastante sombra
O camiño ten bastante sombra

Pódese facer perfectamente con nenos, de feito, nós a fixemos cun neno de 2 anos e medio que foi andando sen problemas, mais penso que tamén podería ir un carriño de roda grande.

Neste punto hai un desvío ao miradoiro
Neste punto hai un desvío ao miradoiro

Ao pouco de empezar a ruta, antes de comenzar a dura baixada, veremos un indicador que, se nos desviamos á dereita, nos leva até un espléndido miradoiro, non só da fervenza, tamén do Val do Río Deza.

Miradoiro da Fervenza do Toxa
Miradoiro da Fervenza da Toxa

Despois voltaremos ao camiño anterior para comenzar o descenso á fervenza. É un camiño que, a pesar da pendente, é bastante agradable, xa que vai case sempre á sombra de moitas especies frondosas, entre as que destacan o carballo e a sobreira.

Camiño de descenso á fervenza
Camiño de descenso á fervenza

E despois de algo menos de dous quilómetros de descenso chegaremos á fermosa Fervenza da Toxa, para min unha das máis fermosas do País. A súa maxestuidade dependerá, como é lóxico, do caudal do Río Toxa nesa época do ano, polo que as mellores épocas para visitala son nas máis chuviosas.

A Fervenza do Río Toxa
Fervenza de A Toxa

Sería imperdoable visitar a Fervenza da Toxa e deixar de lado o Mosteiro de Carboeiro. De feito, mesmo se pode combinar cunha ruta de sendeirismo que une estos dous lugares.

Ruta andando ate Carboeiro
Ruta andando ate Carboeiro

Nós, como levabamos un neno moi pequeno, continuamos ate Carboeiro por estrada no noso vehículo. É dificil perderse, xa que está ben sinalizado. Saíndo do aparcamento da fervenza, e voltando á PO-204 en dirección Bandeira, veremos ao pouco un sinal que nos fará virar á esquerda.

Mosteiro de Carboeiro
Mosteiro de Carboeiro

Non hai máis que seguir a sinalización para, tras uns 6 quilómetros, chegar ao Mosteiro de Carboeiro. Alí si que se pode estacionar xusto ao carón do mosteiro.

Mosteiro de Carboeiro
Mosteiro de Carboeiro

O primeiro que faremos ao chegar será visitar o mosteiro, sempre e cando esté aberto.

Mosteiro de Carboeiro
Mosteiro de Carboeiro

Despois, recomendo pasear polos arredores, xa que atractivos non lle faltan.

Ruta botánica en Carboeiro
Ruta botánica en Carboeiro

Hai unha senda botánica que se pode facer nuns minutos, que nos levará por unha fermosa fraga onde veremos un pombal e un muíño.

Muíño do Convento
Muíño do Convento

Ademais, se tomamos un camiño que sae xusto á chegada ao mosteiro á esquerda, iremos por un sendeiro polo que cruzaremos o Río Deza por unha ponte medieval.

Ponte sobre o Río Deza
Ponte sobre o Río Deza

Pois isto é todo! Espero que esta pequena guía vos sexa útil e que vos guste esta ruta polo menos tanto coma a min. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida, ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.